Prisión sen fianza para as dúas acusadas de asasinar unha moza en Valdeorras
As arrestadas declararon ata as seis e media da tarde
A dilixencias do caso atópanse baixo segredo de sumario
As dúas mulleres detidas polo asasinato de Leticia Magali Sanabria agardarán polo xuízo no cárcere. O xuíz que lles tomou declaración ata as seis e media da tarde, decretou para elas prisión comunicada e sen fianza.
Ambas foron detidas o pasado martes en relación co crime. Á súa chegada aos xulgados, familiares e amigos da vítima recibíronas con insultos e berros.
Entre os asistentes estaba a irmá da moza asasinada. Di que desconfiou delas dende o mesmo día do crime, cando acudiu á casa da súa irmá e as mulleres lle abriron a porta.
"Estaba pasando eu ao cuarto e ríronse de min. Dixeron que a policía estaba falando con ela. Eu senteime, tranquiliceime e elas falaban polo baixiño e facíanse sinais. Eu dixen: foron elas", di Alicia Sanabria.
.png)
Leticia tiña 28 anos e era natural de Paraguai. O pasado 10 de setembro apareceu asfixiada na súa casa, no Barco de Valdeorras.
Unha das arrestadas é compañeira de piso e a outra é unha amiga que a visitaba con frecuencia. Foron as propias detidas as que alertaran do crime e simularon que intentaran reanimar a vítima. A familia de Leticia pide que se faga xustiza.
"Que paguen e que non saian nunca máis" di a irmá da vítima ás portas do xulgado.
Leticia era a maior de nove irmáns e traballaba aquí para axudar a familia. Polo de agora descoñécense os motivos do crime. A investigación está baixo segredo.