Primeiras nevaradas nas montañas de Lugo coa baixada das temperaturas
Caída forte das temperaturas na provincia de Ourense
Aviso laranxa no mar por fortes refachos de vento
Está cambiando o tempo e aínda que loce o sol na zona sur, no terzo norte e no interior xa o están notando. Na montaña de Lugo a paisaxe branca anticipa o inverno. Tras a caída das primerias folerpas, O Cebreiro loce en todo o seu esplendor.
A nevarada sorprendeu algúns peregrinos, aínda que outros máis precavidos veñen abrigados para soportar unha temperatura mínima no Cebreiro foi de -2 graos. A neve callou a partir dos 800 metros na provincia de Lugo para ledicia de moitos camiñantes.
Na Fonsagrada os termómetros chegaron aos 0 graos. O responsable das nevaradas é o fluxo de vento do nordeste que arrastran aire frío a Galicia.

O frío polar tamén chegou á provincia de Ourense, aínda que por agora sen neve. Temperaturas baixas coas que se tiveron que enfrontar os que comezan a traballar á primeira hora da mañá. Loce o sol, pero os termómetros non conseguen abandonar os valores negativos. O mercurio caeu ata os -5 graos en Manzaneda ou en Xares, -3 en Verín.
Un frío polar que se notou especialmente nas zonas máis altas. As máximas estiveron ao redor dos 5 graos. En Ourense ou Verín estes días pasados roldaron os 20 graos. Un inverno repentino que nos acompañará ao longo desta semana e que obrigou a acender chemineas e estufas. Pode nevar por riba dos 900 ou 1.000 metros.
Empeora a situación meteorolóxica no mar
A costa da Coruña e a Mariña luguesa permanecen en aviso laranxa. Rexistráronse refachos de vento do nordés de forza 8 combinados ademais con mar de fondo que provocaron que nalgúns portos, como é o caso deste de Burela, a frota permaneza amarrada.
A xornada comezaba con aviso amarelo, pero xa desde o mediodía a situación complicouse en todo o litoral norte de Galicia, con ondas de ata catro metros e tamén con mala visibilidade, sobre todo no litoral cantábrico.
Segundo as previsións de Meteogalicia, esta alerta laranxa vaise manter ata as nove da noite, hora en que pasaremos a un aviso amarelo que se mantén ata o martes.