Publicador de contidos
Publicador de contidos

Primeira noite de ocio en Galicia con ampliación de horario e servizo na barra

Primeira noite de ocio en Galicia con ampliación de horario e servizo na barra

Os pubs poden pechar ás 4:30 da mañá e as discotecas ás 5:00 horas

G24.gal 29/01/2022 08:16

Esta noite os locais de ocio recuperaban un antigo costume: o servizo nas barras. Ás doce da noite de onte entrou en vigor o alixeiramento das restricións na hostalería e no ocio nocturno. Vólvese, polo tanto, á situación anterior ao Nadal.

"A barra parece que dá máis ledicia. Mesmo hai clientes que viñeron hoxe porque antes negábanse a saír", comenta Pilar Fernández, xerente do pub Atlántico en Santiago de Compostela. 

En lugares como Santiago de Compostela, a xente que foi quen de desafiar a friaxe atopaba novos horarios para os establecementos nocturnos. En fin de semana, os restaurantes pechan a unha e media e os pubs alongan o seu servizo ata as 4:30 horas.

As discotecas poden abrir ata as cinco da mañá, e xa non se prohiben as xuntanzas entre non conviventes de madrugada.

"Aínda hai compañeiros do gremio que non teñen recuperadas as súas condicións, como é o caso da hostalería diúrna e das discotecas, pero penso que todo isto apunta a que todo vai ir a mellor", confía a propietaria do pub compostelán.

Iso si, segue habendo restricións de capacidade nos locais e continúa a ser obrigatorio presentar o pasaporte da covid para acceder ao interior dos establecementos. 

"Agora mesmo é unha medida autómata: os clientes chegan, inmediatamente co seu móbil sinalan o pasaporte covid. Non representa un atranco engadido como si foi hai uns meses", afirma Thor Rodríguez, presidente da Asociación de Hostalaría de Santiago de Compostela.

O sector valora de xeito positivo esta "nova normalidade". Salientan a colaboración da clientela e agardan volver, pouco a pouco e con precaución, a desfrutar outra vez do lecer nocturno.

"Esperamos ir pouco a pouco recuperando o horario en restaurantes e pubs, que neste caso xa o desfrutamos de xeito completo,  e afacernos a estas novas medidas sen que teñan moitas variacións porque isto confunde moito ao cliente", mantén Thor Rodríguez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar