Publicador de contidos

Publicador de contidos

Primeira denuncia por ocupación dun inmoble en Lalín

Primeira denuncia por ocupación dun inmoble en Lalín

Os propietarios piden o desaloxo do piso, ocupado por uns mozos "conflitivos" e os seus cans

Temen que lles desfagan o inmoble e que ocupen tamén o piso de abaixo

G24.gal 29/03/2023 14:25

Desde que uns mozos e os seus cans ocuparon o segundo piso dunha casa en venda, Ignacio vixía todos os días que non suceda o mesmo no primeiro. Xa intentaron forzar a porta moitas veces, de feito xa non logra meter a chave porque alguén golpeou a pechadura esta mesma noite.

"Ou á mañá ou á tarde paso todos os días polo piso. Fago ruído para que saiban que nos movemos, que nos preocupamos. Todos os días da miña vida ata que consigamos botalos fóra", explica Ignacio González Iglesias, propietario do primeiro piso.

A angustia é maior aínda entre os propietarios do piso ocupado. Denunciaron a situación ante as autoridades e a xustiza, pero nada máis poden facer de momento para botalos da casa familiar.

"Fomos ata o piso ao escoitar os cans e o home que saíu dixo que vivía alí que xa falara co seu avogado e que sen orde xudicial non marchaba", di José Presas González, marido dunha das propietarias.

"Como pode ser que a unhas persoas que veñen usurpar as nosas propiedades, e moralmente destruírnos, non podamos sequera tirar a porta e botalos fóra? O que máis me doe é sentir que teñen máis dereitos ca nós, que nin podemos cortarlles a auga nin a luz", lamenta Pilar Paz Pérez, copropietaria do inmoble ocupado.

Aseguran, ademais, que os ocupantes ilegais son delincuentes coñecidos que están a xerar moito malestar entre a veciñanza.

"Os cans parecen perigosos e ladran a todas as horas e eles botan lixo pola fiestra cara á rúa", di Pilar. 

"Fan de todo menos traballar, fuman, beben, métense de todo... é moi problemático" engade Ignacio. 

Xa teñen data para o xuízo por usurpación da propiedade, pero a espera fáiselles lenta. Temen que os ocupantes desfagan o inmoble e agardan que esta sexa a primeira e última vez que algo así acontece en Lalín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade