Publicador de contidos

Publicador de contidos

Previsións económicas Comisión Europea: Luces e sombras, por Maite Cancelo

Previsións económicas Comisión Europea: Luces e sombras, por Maite Cancelo

G24.gal 16/05/2023 10:33

As últimas previsións de crecemento da economía española para o ano 2023 que acaba de publicar a Comisión Europea, escorrentan os temores dunha nova recesión, aínda que non coinciden coas estimacións do goberno español e seguen arrastrando algunhas sombras.

Europa elevou ao 1,9 % o crecemento do PIB de España para este ano, que nos situaría por enriba da media da zona euro e da UE, debido, sobre todo, á recuperación do sector turístico, a resistencia do mercado laboral pero tamén aos resultados dos fondos de recuperación empregados (polo seu impacto sobre o investimento).

De feito, se analizamos cales son os países nos que máis crecerá a economía neste ano non falamos das economías nórdicas senón de Grecia (5 %), de Malta (4,1 %) ou de Romanía (3,5 %).

Se comparamos estas previsións coas do goberno de España (que aínda se manteñen no 2,1 %), este diferencial pode explicar, parte das discrepancias sobre, por exemplo, o cálculo do déficit das contas públicas españolas, xa que a Comisión Europea non comparte as estimacións que fai o goberno de España.

Con relación ás contas públicas, persoalmente creo que é posible que se poida alcanzar ese 3 % de déficit fixado polo estado, pero xa non tanto polo diferencial de crecemento, nin por esa “responsabilidade fiscal do Goberno” aducida pola vicepresidenta Calviño, senón polo aumento extraordinario dos ingresos públicos pola recadación de impostos (sobre todo polo IVE), debido á, aínda, importante inflación que eleva a base impoñible dos mesmos.

De feito, a estimación de incremento dos salarios para o ano próximo, e os aumentos das propias pensións. Son outra das fontes de crecemento dos impostos, pero, neste caso, vía IRPF (ao non modificarse os tramos con relación á inflación).

Sobre a propia inflación: os últimos datos que imos coñecendo son de menor intensidade no seu crecemento e que están a recoller a mellor evolución no prezo dos produtos enerxéticos, o que, á súa vez, ten un impacto positivo sobre o crecemento xeral.

Se analizamos os datos xa coñecidos, estamos comprobado como a inflación subxacente (excluídos prezos enerxéticos e de alimentos non elaborados) chegou ao seu máximo hai dous meses, o que fai ver que esa translación lenta que houbo de aumentos de custos de produción polas materias primas e a enerxía, parece que xa está a empezar a descontarse. 

En calquera caso, non podemos descartar novos picos inflacionistas debidos á influencia que a seca e outros acontecementos meteorolóxicos adversos poidan ter, inicialmente, sobre o prezo dos alimentos e, o seu impacto posterior sobre os produtos elaborados, que, de feito, é un dos riscos no horizonte destas estimacións.

Desta forma, a Comisión Europea tamén recoñece que a inflación aínda continua alta, sobre todo a subxacente e isto é un dos riscos para o crecemento deste ano, ao que hai que sumar ao encarecemento do crédito debido ás subidas dos tipos de interese e o seu impacto sobre as familias e as empresas máis endebedadas. A inflación, por tanto, segue sendo un dos principais retos e riscos para o crecemento económico español e europeo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade