Presentan formalmente unha moción de censura contra o alcalde de Noia
PSdeG-PSOE, BNG, Marea Cidadá e o concelleiro non adscrito Luis Alamancos propoñen un cambio de rumbo institucional
Acusan o goberno do PP de parálise, opacidade e falta de proxecto
Francisco Pérez Caamaño é o candidato alternativo á Alcaldía
.png)
Os grupos municipais do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Cidadá de Noia e o concelleiro non adscrito Luis Alamancos Pampín presentaron este luns formalmente unha moción de censura contra o actual alcalde de Noia, José Santiago Freire Abeijón (PP).
A proposta conta co apoio de nove concelleiros, o que supón a maioría absoluta do pleno, e cumpre os requisitos legais segundo a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG) e a recente sentenza 134/2025 do Tribunal Constitucional.
Os asinantes da moción aseguran que o obxectivo non é partidista, senón recuperar a legalidade institucional, a confianza cidadá e impulsar unha xestión pública centrada no ben común. Critican que o actual goberno local, encabezado por Santiago Freire, provocou unha situación de deterioración institucional con consecuencias directas sobre a calidade de vida da veciñanza.
Entre as críticas destacadas figuran:
- Falta de transparencia e uso reiterado da contratación menor, que impide a concorrencia e compromete a legalidade na xestión dos fondos públicos.
- Infraestruturas sen uso ou abandonadas, como o centro de Abruñeiras, o albergue, a praza de abastos ou a piscina municipal.
- Unha situación financeira delicada, con débeda elevada, obrigas coa Mancomunidade, conflitos laborais sen resolver e procedementos xudiciais abertos por importes que superan os cinco millóns de euros.
- Inacción en áreas como igualdade, servizos sociais, vivenda e apoio ao tecido produtivo local.
- Falta de proxectos estratéxicos e de capacidade de execución.
“A moción de censura é a única vía que nos queda para poñer fin á ineficacia e recuperar o rumbo institucional”, aseguran os promotores.
Francisco Pérez Caamaño, candidato alternativo
O candidato proposto para a Alcaldía é Francisco Pérez Caamaño, concelleiro do PSdeG-PSOE, que conta co apoio de todos os asinantes da moción.
Os impulsores da iniciativa subliñan que respectarán o procedemento legal e os dereitos de todos os membros da corporación. Definen a moción como unha oportunidade de rexeneración democrática e de creación dun novo acordo político para mellorar a vida da veciñanza.
“Queremos devolverlle á xente de Noia un Concello á altura das súas aspiracións, e abrir un novo tempo de goberno útil, dialogante e con proxecto”, conclúen.