Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Avogacía do Estado pide case 4 anos de cárcere para a parella de Ayuso pola presunta fraude fiscal

A Avogacía do Estado pide case 4 anos de cárcere para a parella de Ayuso pola presunta fraude fiscal

Solicita a mesma pena que a Fiscalía: 3 anos, 9 meses e un día de prisión

Reclama tamén unha multa de 448.000 euros por defraudar máis de 350.000 euros

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 28/07/2025 16:30

A Avogacía do Estado pediu unha condena de 3 anos, 9 meses e un día de prisión para Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, acusado dunha fraude fiscal de 350.951 euros e falsificación de documentos.

Solicita tamén unha multa de 448.000 euros.

A petición coincide coa formulada recentemente pola Fiscalía.

O caso está relacionado cunha suposta trama de facturas falsas durante os anos 2020 e 2021, detectado tras unha inspección da Axencia Tributaria en 2022, que derivou nun informe presentado en 2023.

Outros empresarios tamén investigados

A Avogacía do Estado tamén pide penas de cárcere para os outros catro empresarios investigados. Solicita dous anos de prisión para Maximiliano Niéderer e un ano para os outros tres implicados.

En maio de 2025, a titular do Xulgado de Instrución número 19 de Madrid, Inmaculada Iglesias, acordou transformar as dilixencias previas en procedemento abreviado, paso previo á apertura de xuízo oral.

A xuíza rexeitou a pasada semana o recurso presentado por González Amador contra o seu procesamento, ao apreciar “claros indicios” de que utilizou facturas falsas para defraudar a Facenda.

Acusacións populares pendentes de presentar escritos

A Fiscalía e a Avogacía do Estado xa presentaron os seus escritos de acusación, mentres que aínda están pendentes os do PSOE e Más Madrid, que exercen a acusación popular.

O prazo para que estas acusacións presenten os seus escritos está suspendido, xa que non recibiron aínda toda a documentación do procedemento. Polo momento, non se prevé que os presenten de forma inmediata.

Pacto frustrado e investigación paralela

Antes de iniciarse o procedemento xudicial, un dos avogados de González Amador, Carlos Neira, propuxo por correo un pacto á Fiscalía no que recoñecía en nome do seu cliente dous delitos fiscais para tentar unha rebaixa da pena e evitar o xuízo.

A filtración dese correo electrónico provocou unha investigación ao fiscal xeral do Estado no Tribunal Supremo.

Ademais do proceso principal, a xuíza mantén aberta unha peza separada na que investiga a González Amador por presunta corrupción nos negocios en relación co grupo Quirón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade