Rueda e Urkullu estudan vías de cooperación para impulsar a fachada atlántica europea
A fundación eAtlantic, presidida e impulsada por Urkullu, ten como obxectivo garantir o futuro deste espazo xeográfico
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o exlehendakari Íñigo Urkullu mantiveron unha reunión na que ambos abordaron posibles vías de cooperación para o impulso da competitividade e a prosperidade na fachada atlántica europea.
Urkullu visitou Santiago de Compostela como presidente da Fundación eAtlantic, constituída o pasado mes de abril, e como parte da xira de contactos institucionais que o outrora mandatario vasco está a levar a cabo desde a asunción das súas novas responsabilidades.
O eixe central da reunión foi o fomento da colaboración entre axentes públicos e privados na fachada atlántica europea e as formas de alcanzar máis prosperidade a futuro neste espazo xeográfico.
Para iso, a organización presidida por Urkullu avoga por manter un firme compromiso co desenvolvemento humano sostible, aliñado cos obxectivos da ONU, cos valores democráticos e co impulso da competitividade; ademais de defender un modelo de gobernanza participativo e multinivel na Unión Europea que sexa respectuoso coa autonomía rexional dos estados membros.
No encontro na sede do Executivo galego participaron tamén o conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo, e a directora xeral da fundación, Marian Elorza.