Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno enviará desde o aire 12.000 quilos de alimentos a Gaza para axudar a paliar a fame

O Goberno enviará desde o aire 12.000 quilos de alimentos a Gaza para axudar a paliar a fame

O avión das Forzas Armadas, que portará o equivalente a 5.500 racións de comida, sairá previsiblemente este venres 1 de agosto desde Xordania

Albares defende que non se pode dar a Israel o "dereito de veto" á existencia dun Estado de Palestina

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares/Foto de arquivo/Europa Press O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares/Foto de arquivo/Europa Press
G24.gal 28/07/2025 16:48

O Goberno enviará 12.000 quilos de alimentos a Gaza desde un avión A400M que sobrevoará a Franxa e desde onde se lanzarán paquetes con axuda dunha rede e de paracaídas co fin de axudar a paliar a "fame negra inducida" neste territorio palestino.

O avión das Forzas Armadas, que portará o equivalente a 5.500 racións de comida que se enviarán a través da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECID), sairá previsiblemente este venres 1 de agosto desde Xordania, coa intención de sobrevoar a Franxa de Gaza ante "un momento moi difícil para o pobo palestino".

Así o detallou o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, en declaracións aos medios á súa chegada a Nova York.

Pola súa banda, o Ministerio de Defensa informou nun comunicado que na base aérea de Zaragoza persoal do Exército do Aire e o Espazo traballa xa na adaptación dun avión A400M, e en toda a loxística asociada, para poder transportar as 12 toneladas de alimentos a Gaza.

Trátase dunha acción similar á levada a cabo en marzo de 2024, na que participan decenas de militares da ala 31 e do Mando de Operacións, que posibilitarán o lanzamento da axuda.

A "vergoña" da fame negra

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, referiuse a este envío de alimentos no balance do curso político, e admitiu que "evidentemente non é solución á fame" na Franxa, aínda que confía en que "unido aos envíos doutras nacións" poida supoñer "un mínimo alivio".

"Se as circunstancias non cambian, e esperemos que non cambien, esiximos que non cambien, producirase este venres desde o territorio de Xordania e mediante o uso de paracaídas e avións A400 das Forzas Armadas españolas", afirmou o xefe do Executivo.

Sánchez tamén definiu como "un imperativo humanitario e político" que se deteña "a catástrofe humanitaria en Gaza" porque a fame negra no territorio palestino "é un vergoña para a humanidade".

"Chegou a hora de actuar"

O ministro de Asuntos Exteriores denunciou "a fame negra inducida en Gaza" que custa "todos os días" a vida de seres humanos por non ter acceso "a unha comida que se amontoa nas fronteiras de Gaza".

"100.000 nenos, 40.000 deles bebés, están en risco de morte nos próximos días", detallou.

Na súa opinión, "chegou a hora" de actuar e non se pode "esperar a mañá", e débese facer "por xustiza para o pobo palestino" e "para garantir a paz e a seguridade de todos en Oriente Medio", incluído, "por suposto, Israel".

Albares tamén se referiu á Conferencia Internacional de Alto Nivel que se celebra na sede da ONU para o Arranxo Pacífico da Cuestión de Palestina, e reivindicou a necesidade da solución dos dous estados.

"Hai un Estado que xa existe, que é Israel, e nós defendemos a súa existencia, pero falta o outro o Estado de Palestina, que hai que poñer en pé", aseverou.

Preguntado sobre se non ten pouco valor esta reivindicación, o ministro de Exteriores admitiu que "desde logo" que non hai ningún indicio de que ocorra algo así, pero recalcou a importancia desta conferencia para que sexa a comunidade internacional a que recoñeza os dous estados.

"Non podemos darlle ao Goberno de Israel unha especie de dereito de veto sobre a existencia ou non do Estado de Palestina, sobre se poden ou non poden comer os nenos e os bebés de Gaza, sobre se o pobo palestino ten dereito á paz ou non, sobre se os asentamentos ilegais van seguirse estendendo en Cisxordania ou non. Non pode ser que estea en mans do Goberno de Israel decidir cousas como a vida ou a morte dos palestinos", afirmou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade