Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel recibe de mans da Cruz Vermella os corpos de dous reféns devoltos por Hamas

Israel recibe de mans da Cruz Vermella os corpos de dous reféns devoltos por Hamas

Os ataúdes chegaron desde Gaza e serán identificados no Instituto Forense de Yaffa

O Exército confirma que continúan os esforzos para recuperar o resto das persoas secuestradas

REUTERS/Ramadan Abed REUTERS/Ramadan Abed
G24.gal 30/10/2025 16:42 Última actualización 30/10/2025 17:32

O primeiro ministro de Israel, Benxamín Netanyahu, anunciou que o Exército israelí recibiu da Cruz Vermella os ataúdes cos corpos de dous reféns devoltos por Hamas.

“Israel recibiu, a través da Cruz Vermella, dous secuestrados falecidos que foron entregados ao Exército e ás forzas do Shin Bet dentro da Franxa de Gaza. Desde alí serán trasladados a Israel, onde serán recibidos con honores militares polo rabino xefe do Exército”, indicou a oficina de Netanyahu nun comunicado.

Identificación dos corpos en Yaffa

Os vehículos militares que transportan os ataúdes accederon a territorio israelí para dirixirse ao Instituto Nacional de Medicina Forense Abu Kabir, en Yaffa, ao sur de Tel Aviv, onde se realizarán as identificacións.

“Todas as familias dos reféns falecidos foron informadas e os nosos corazóns están con elas neste momento difícil. O esforzo para recuperar os nosos secuestrados continúa sen descanso e non parará ata traer de volta ao último refén”, engadiu o comunicado da oficina de Netanyahu.

Os bombardeos israelís atrasaron a entrega

As Brigadas Al Qasam, brazo armado de Hamas, aseguraron ter recuperado o martes os cadáveres de dous reféns israelís, Amiram Cooper e Saher Baruch, e anunciaron horas antes a intención de devolver un deles. Porén, os bombardeos israelís sobre Gaza entre o martes e o mércores levaron a atrasar a entrega.

Segundo a milicia, a Cooper  buscárono durante trece días nun túnel en Jan Yunis, no sur de Gaza, ata que localizaron o seu corpo. Tiña 85 anos e morreu durante o cativeiro. Mentres o diario israelí  Yedioth Ahronoth asegura que faleceu cando o túnel no que o retían colapsou polos bombardeos, outras fontes apuntan que foi asasinado polos seus captores.

O canal saudita Al Hadath informou tamén de que Al Qasam atopou un segundo cadáver no túnel, aínda que non confirmou se correspondía a Baruch. A milicia tampouco precisou que dous corpos devolvería finalmente.

Non se sabe se morreron a mans de Hamas ou polo propio fogo israelí

Saher Baruch, de 25 anos, tamén morreu en Gaza. O Exército israelí recoñeceu en xaneiro de 2024 que o falecemento se produciu durante unha operación de rescate fallida. Naquel momento, as forzas armadas non puideron determinar se fora asasinado por Hamas ou alcanzado polo propio fogo israelí o 8 de decembro.

Noutros casos, Hamas devolveu corpos que non se correspondían con ningún dos 13 reféns que permanecen no enclave. O último episodio ocorreu o luns pola noite, cando a milicia entregou restos dun falecido cuxo corpo o Exército xa recuperara en 2023. Este feito, xunto coa escenificación da súa suposta recuperación e a morte dun soldado nun ataque atribuído a Hamas no sur da Franxa, foi un dos motivos alegados por Israel para bombardear Gaza o martes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade