Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha suposta narcocasa leva a preocupación aos veciños de Betanzos

Unha suposta narcocasa leva a preocupación aos veciños de Betanzos

Na última xunta de seguridade o Concello solicitoulle á Garda Civil incrementar a vixilancia na rúa Cerca

G24.gal 11/12/2025 13:51

Desde finais do verán, os veciños da zona histórica brigantina séntense máis inseguros e desconfiados. A causa? Un inmoble da rúa A Cerca, pola que discorre o Camiño Inglés, ocupada de xeito ilegal e onde presuntamente se vende droga a pequena escala.

"Hai xente que xa non pasa por aí porque ten medo". "Droga, pelexas, leas". "Ves moita rapazada de aquí de Betanzos metidos niso, e dá pena", comentan os veciños.

E alertan de que non se trata dun caso illado. Denuncian tamén os comportamentos incívicos que teñen que aturar na rúa A Cerca tanto dos ocupantes ilegais coma dos supostos clientes que van mercar a droga. "Tiran a porcallada toda. E supoño que xiringas porque estamos xa case como nos anos 80".

Unha situación que preocupa, e moito, en Betanzos. Tanto que mesmo obrigou o Concello a actuar. Na última xunta de seguridade, a alcaldesa solicitoulle á Garda Civil que incrementase a vixilancia na zona e que se coordinase coa Policía Local para garantir a seguridade tanto na rúa A Cerca coma na súa contorna.

"Tamén tratamos de poñernos en contacto coa propietaria da casa para tomar medidas ou para que nos permitise desde o Concello tomar medidas. Está a ser complicado, pero entre todos estamos tratando de minimizar esta situación", explica María Barral Varela, a alcaldesa de Betanzos.

Todo para que a veciñanza poida recuperar a tranquilidade e, sobre todo, a súa seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade