Preocupados pola vaga de roubos en Cangas
Unha escola infantil e un almacén municipal, entre os afectados
Ata comida levaron os ladróns da Escola Infantil do Hío, en Cangas: peixe, froitas, legumes iogures, pasta e galletas. Pero o peor foron os estragos e os roubos nos despachos de onde levaron dúas tablets, varias cámaras de fotos e un disco duro.
Os ladróns fuxiron pola parte de atrás, malia ser unha zona de escasa circulación. Máis difícil foi para os ladróns entrar no almacén municipal do Sinal moi preto do concello e o botín foi escaso porque só había roupa de traballo, iso si rebentaron as pechaduras dos armarios. Nas últimas xornadas tamén houbo un intento frustrado de roubo nun taller de Aldea Nova.
A policía local tamén detectou nas últimas xornadas un home cunha carretilla chea de bebidas de madrugada pero non puideron confirmar que fose roubada e de que establecemento procedía. Na localidade xa fan bromas con roubos.
Garda Civil e Policía Local investigan estas e outras subtraccións tamén de material de obra, pero ata agora non transcenderon os avances.