Preocupación polo aumento da demanda asistencial nas urxencias hospitalarias
No Álvaro Cunqueiro atenderon ata 500 casos nun só día
Os profesionais advirten de que a situación pode empeorar no verán
A presión asistencial nas urxencias dos hospitais galegos segue medrando, con xornadas en que poden atender ata 500 doentes nun só día. Os profesionais están preocupados ante a chegada do verán, época en que tradicionalmente se rexistran avalanchas de persoas con patoloxías leves.
De todo isto, e da creación da especialidade, debaterase no congreso de médicos de urxencias, que se celebra esta semana que vén en Vigo.
Maite Maza é a presidenta do comité científico deste 32 Congreso Nacional da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias. Tamén é a xefa de urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro, un servizo onde atenden unha media diaria de 30 enfermos con covid, ou que teñen outras patoloxías pero que deron positivo.
Con todo, o que máis preocupa é a saturación no resto das áreas do hospital.
"Houbo un día de 500 pacientes, e días que se roldaron os 500, pero é que estamos en días de semana dun promedio de 100 por riba do que estabamos en anos previos á pandemia, isto é moi rechamante, e non é só neste hospital, é a nivel nacional"
E afirma que segue sen entender as reticencias a crear a especialidade de médico de urxencias.
"No noso congreso, un 10 por cento das inscricións son de médicos residentes e non temos residentes propios, iso significa que si hai interese pola especialidade, que é necesaria para a continuidade e é a oportunidade que teñen de formarse en algo que por outras vías, as especialidades de base non abordan de xeito suficiente"
Maza advirte de que a situación se vai complicar no verán, en que se produce unha avalancha de patoloxías leves e outras relacionadas coa estación como insolacións ou golpes de calor, e tamén polas vacacións do persoal doutros servizos asistenciais.
Esta urxencióloga fai un chamamento para que non se sature o servizo, prexudicando así os casos máis graves, en que o tempo é decisivo.