O Concello da Coruña pídelle á Xunta a declaración de zona de vivenda tensionada
Alertan do interese dos fondos de investimento por facerse co mercado do alugueiro na cidade
A Xunta comprométese a estudar a situación, pero avanza que a solicitude do Concello non está acompañada dos documentos técnicos necesarios
Na Coruña hai, segundo os datos do Concello, un total de 2.305 demandantes de vivenda pública. Son cifras que levan o Concello a solicitar da Xunta de Galicia a declaración de zona tensionada.
"Que se proceda a tomar as medidas necesarias para garantir o acceso á vivenda sobre todo nun momento no que os alugueiros se están a disparar e non se está a garantir un dereito básico dos cidadáns".
A Xunta comprométese a estudar a situación, pero avanza que a solicitude do Concello non está acompañada dos documentos técnicos necesarios. A posibilidade de que A Coruña se converta na primeira cidade de Galicia en ser declarada zona de vivenda tensionada acóllese con preocupación, porque din que limitará aínda máis a oferta.
"Se se dificulta a actualización das rendas ou a recuperación da vivenda en caso de impagamento non é o camiño correcto".
As inmobiliarias advirten do interese dos grandes fondos de investimento en facerse co mercado.
"Os fondos de investimento teñen o foco posto na Coruña. Cada vez chegan máis peticións de pisos para mercar, rehabilitados ou non, para poñelos en alugueiro".
E din que a solución estaría nas medidas que animen os propietarios a sacar ofertas ao mercado.
"Sabemos que hai un problema pero a solución non é declarar a cidade como zona tensionada".
E piden cambios na lexislación á vista, din, dos efectos que estas medidas están provocando nas cidades en que se aplica.