OPINIÓN
Inditex, o corazón da Coruña, por Venancio Salcines
Amancio Ortega abría a súa primeira tenda hai medio século. E facíao sendo un empresario con anos de experiencia, sabendo o que era fabricar, exportar e xestionar varios centos de empregados. Buscou, coa súa familia, un modelo escalable, que se puidese replicar. Moda fresca, a prezos axeitados, producida sen stocks e que rompe coas coleccións de tempada. Todo o ano se deseña, todo o ano se produce e todo o ano se distribúe.
Hai trinta anos Inditex xa era un grande, como podía ser o Banco Pastor, Caixa Galicia ou Fadesa. Impactaba na cidade dun xeito parecido ao que o facían outros grandes empresarios. Hoxe, é o propio corazón da Coruña. Foi quen de crear un ecosistema no sector contract, convertendo pequenos autónomos en multinacionais da construción. Hai dez anos, coa súa aposta polo ecommerce, volveu crear un segundo ecosistema, neste caso no eido dixital. Agora pódese afirmar que é un universo que aglutina dous grandes ecosistemas: o sector tecnolóxico e o construtivo.
En paralelo modernizou a cidade, facéndoa máis global. Hoxe conviven na Coruña persoas de 134 nacionalidades, son o 7 % dos coruñeses. Xera o 50 % do valor engadido da comarca coruñesa e 155.000 empregos en España entre directos, indirectos e inducidos. No caso de Galicia está preto dos oitenta mil empregados, dos cales nove mil son directos. Achega preto do 7 % do emprego de Galicia. Ten seis mil provedores en España que facturan preto de 7.000 millóns, e a súa contribución fiscal é de 4.500 millóns.
E se isto non fose suficiente, o seu labor social, ben directa ou a través da súa fundación, demostrou que tamén ten alma.