Preocupación entre os pescadores do Miño pola reducción da campaña do meixón
Só poderán pescalo durante 30 días, a metade do tempo habitual
Aseguran que a maior ameaza para o meixón son os encoros e as depuradoras
A noticia caeu como un xerro de auga fría entre os pescadores do Miño. Na vindeira campaña só poderán ir ao meixón durante 30 días entre os meses de novembro e febreiro. É a metade do que viñan pescando ata o momento.
"O río está en posición bastante boa para nós, pero van cortar a metade da colleita. É un pau gordo, estamos pagando o prato roto e non tiña por que ser", lamenta Adolfo Martínez, presidente da Asociación de Pescadores do Miño.
O obxectivo do recorte anunciado pola Comisión Internacional de Pesca é mellorar o estado da especie e conservala para o futuro. Pero estes profesionais aseguran que se trata dunha medida drástica que podería afogar a súa economía.
"Realmente non somos os culpables disto. O río está libre 300 días do ano que sobe o meixón cara arriba, o que estabamos pescando xa era minúsculo", engade Adolfo Martínez.
Din que a súa actividade non é a que máis afecta á conservación do meixón. As depuradoras e os encoros son para eles as verdadeiras ameazas da especie.
"Os encoros non deixan un caudal constante de auga no río. Nas mareas do día baixan moito o nivel e o peixe queda exposta ao sol, coa calor morre a cría e cómena os depredadores", explica Damián Pousa Díaz, pescador de meixón no Miño.
Agardan recibir axudas que compensen o recorte na campaña. Defenden que a súa é unha pesca sostible, cunha cota máxima de dous quilos e medio por día para un total de 70 licencias.