Preocupación en Carboeiro polo futuro da igrexa parroquial
O tellado deste templo de orixe románica esborrallouse a fin de semana e o lugar está precintado
Operarios do Concello estiveron traballando para garantir a seguridade na zona
O Concello de Silleda fíxose cargo da intervención máis urxente: evitar accidentes e protexer da chuvia o interior do templo.
Javier Gómez, capataz municipal da obra: "Imos asegurar o perímetro e cubrir o tellado que caeu. O tellado caeu enriba dos bancos e foi o único dano. A tribuna e o altar quedaron intactos".
Aproveitamos para asomarnos ao interior. Difícil imaxinar como era antes. A metade do teito está no chan. Tiveron que vir os bombeiros para abrir.
"Tiña uralita, tella e faiado de castiñeiro. Todo iso caeu", sinala un veciño.
Unha veciña foi a primeira en decatarse do sucedido. Desde a súa casa xa viu o que pasara. A fortuna, di, é que non houbera ninguén dentro.
"O día da misa ou mesmo eu, que veño con frecuencia, se me chega a caer estando dentro...". "Estaremos chegados a Deus, como somos xent boa, que non non pasara nada", comentan dous veciños.
O que lles preocupa agora é que quedan sen igrexa na parroquia. Había misa cada quince días e tamén oficiaban aquí os funerais e cabodanos.
"Hai un cabodano agora, sábado, e celébrano en Breixa". "Aquí igrexas sobran. Hai cinco, parece unha fábrica".
Todo apunta a que foi unha trabe de madeira a que cedeu. Esborrallouse o tellado da parte central, orixinaria do século XII, pero, afortunadamente, non danou ningunha figura, nin os singulares canzorros da cornixa.
A igrexa depende do Bispado de Lugo, pero, ao tratarse dun templo protexido, a recontrución precisa a supervisión de Patrimonio da Xunta.