Derrúbase en Monforte unha casa lindeira coa porta medieval da Alcazaba
A veciñanza levaba anos advertindo do estado precario do inmoble, situado nas ladeiras do monte de San Vicente
Unha vivenda en ruínas de Monforte, que xa levaba anos medio caída, acabou de derrubarse por completo. O inmoble linda coa porta medieval da Alcazaba, que é das poucas que aínda se conservan do núcleo orixinal da vila.
"É algo que doe moito porque se Monforte é a capital da Ribeira Sacra e a Ribeira Sacra é candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO, no corazón desa capitalidade ves iso, pois desde logo pode haber moito protocolo e moito politiqueo, pero a realidade é a que é. O que vén de fóra sorpréndese e os que estamos aquí lamentamos algo que era previsible", sinala o historiador Felipe Aira.
A porta da Alcazaba non é o único ben cultural en perigo nas ladeiras do monte de San Vicente. Nas proximidades, tamén se encontran en mal estado unha torre do século XV ou un muro que leva meses derruído, ademais dun tramo da muralla medieval.
"Hai que aunar esforzos, con independencia da cor política das administracións porque as grandes empresas así o requiren. Realmente é un proxecto difícil recuperar o complexo fortificado, pero aí está o mérito de quen arranxa os problemas difíciles, porque os fáciles os podemos facer todos", conclúe Aira.
E mentres non se acaban de tomar medidas efectivas para a súa preservación, o Monforte medieval continúa deteriorándose a un ritmo cada vez máis acelerado.