Os veciños de Forcadela, en Tomiño, volven sufrir unha praga de moscas
Os veciños aseguran que levan dúas semanas sufrindo esta situación que é xa insostible
Din que recollen centos de moscas cada día dentro das súas casas
Hai locais de hostalería que xa prevén pechar esta fin de semana festiva
Situación insostible a que viven os veciños da parroquia de Forcadela, en Tomiño, por unha praga masiva de moscas. Levan dúas semanas convivindo con elas e lamentan que ninguén lles dea unha solución. Aseguran que están por todas partes, de feito hai restaurantes que xa están pensando en pechar esta fin de semana festiva.
Non saben que facer para frear a invasión de moscas que están a sufrir. Cada hora recollen centos delas en tiras adhesivas que colgan nas súas casas. Téñenas por todas partes. Din que as apañan coa man e que se lles meten no corpo.
A situación din que é insostible e hai locais de hostalería, coma a Bodega Los Rodríguez, que xa están pensando en pechar esta fin de semana, unha das mais fortes do ano, cando teñen máis de duascentas reservas. Non poden servir comidas co restaurante cheo de moscas.
Os veciños xa alertaron desta praga o Concello e o Seprona e a empresa de fumigación estivo no lugar, pero din que non mellorou nada a situación. Sospeitan que pode haber relación co esterco que se empregou nun terreo próximo.
Piden solucións urxentes. Xa sufriron varias pragas, hai dous anos e en 2024 pero din que non foron tan fortes como a que están a vivir neste mes de agosto.