Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSdeG de Ourense non avala as reunións de Villarino co PP para unha moción de censura contra Jácome

O PSdeG de Ourense non avala as reunións de Villarino co PP para unha moción de censura contra Jácome

Consideran que "os responsables do problema dificilmente poden ser os responsables da solución" para a cidade

G24.gal 25/08/2022 15:05 Última actualización 25/08/2022 20:01

O Partido Socialista de Ourense non avala as reunións nin os avances do secretario provincial da formación, Rafael Rodríguez Villarino, sobre un acordo dunha posible moción de censura co Partido Popular para recuperar a alcaldía que ostenta Gonzalo Pérez Jácome.

Villarino explicou que hai "contactos moi restrinxidos", pero que esta vez "podería chegarse a algún tipo de acordo" porque "as negociacións van por moi bo camiño". Negociacións que a dirección socialista local considera a "título individual" nun comunicado posterior ás declaracións do secretario provincial.

De feito, a dirección incide en que "os responsables do problema dificilmente poden ser os responsables da solución" e pon o foco nos comicios locais de 2023.

Porén, Villarino amosouse firme e optimista na súa comparecencia ao respecto da posible moción de censura co PP: "Ambas as partes temos como obxecto que isto poida materializarse e tamén a experiencia previa de que poñer o foco mediático ao final podía perturbar chegar algún tipo de acordo", dixo Villarino, quen "confía" en que sexa unha realidade porque "a cidadanía lévao pedindo durante moito tempo".

Deste xeito, lembra que a formación presentou unha moción de censura coas nove asinas dos concelleiros socialistas nunha notaría, ao non ter as 14 firmas necesarias para facelo a través do concello e á espera de que os outros grupos "decidisen sumarse", algo que non se concretou.

"Despois houbo intentos posteriores que tampouco deron froito", continuou Villarino, que cre que esta vez si se chegará a bo porto porque "a cidade está a pedilo a berros". "Ninguén entendería que non fósemos capaces de poñernos de acordo e cambiar esta deriva", incidiu.

Sen acordo concreto

Con todo, o secretario provincial do PSOE dixo que "non hai un acordo concreto", senón que "se están barallando varias posibilidades", entre as que despexou a situación coa repartición de competencias municipais.

Así, trasladou que nas conversacións os populares pedían "unhas áreas de gobernos similares ás que xa tiñan" dentro do Executivo que compartín con Democracia Ourensá, pero tamén se falou de que esas áreas de goberno "terían que adaptarse á realidade do Grupo Socialista como o partido máis votado das eleccións municipais".

Con todo, consideran que ese "non será un punto de discordia", para chegar a un acordo, como tampouco a posibilidade de que outras forzas formen parte do posible goberno conxunto. Neste sentido, recoñecen conversacións con Cidadáns.

Lista máis votada

Durante eses "contactos restrinxidos", segundo Villarino, estivo sobre a mesa que PP e PSOE faciliten de que goberne a lista máis votada no concello de Ourense e na Deputación, un acordo que non lle causa "ningún malestar" porque "se fala de facer un proxecto de cidade que non termine en nove meses".

Deste xeito, o acordo tería vixencia para as municipais do 2023 polo que, de formalizarse a moción de censura, PSOE e PP comprometeríanse a que tras as eleccións da próxima primavera goberne a lista máis votada no caso de que non houbese maioría absoluta.

Con todo, o secretario provincial do Partido Socialista ha dito que "é unha esixencia que aínda non foi finalmente ratificada e non se chegou a un acordo".

Mentres, desde a executiva municipal que dirixe Natalia González, rival en distintos procesos internos de Villarino, explicaron que a día de hoxe non teñen noticias da nova dirección local do Partido Popular, así como "tampouco ningunha solicitude de reunión", por tanto "todo o falado ten que formalizarse e concretarse" e será a partir de aí cando os socialistas "defenderán que haxa un acordo polo interese xeral dos veciños".

Así pois, González remarcou que van "actuar polo libro" e "por encima de intereses partidistas ou persoais", seguindo os estatutos que marcan unha xerarquía no partido que empezaría polo voto favorable da militancia da agrupación.

Novo tempo político

Sobre este asunto tamén se pronunciou o presidente do Partido Popular a nivel provincial, Manuel Baltar, quen resaltou que "quedan 275 días para as eleccións locais de 2023 e xa houbo tempo máis que suficiente para construír unha moción de censura".

Con todo, resaltou que o PP de Ourense e o resto de formacións locais "teñen autonomía plena para iniciar ou escoitar e explorar calquera cuestión".

Deste xeito, dixo que con Manuel Cabezas "ábrese un novo tempo político na cidade de Ourense" e que ten "plena autonomía" para que "se produzan as conversacións que se produzan, escóitese o que se escoite e tómense as determinacións que haxa que tomar".

"O grande obxectivo non é a moción de censura, senón que Manuel Cabezas sexa alcalde en maio de 2023 e déalle á cidade a velocidade que necesita", rematou.

A dirección municipal socialista non avala as reunións

O PSdeG de Ourense asegurou este xoves que non mantivo ningún tipo de contacto nin reunión coa nova dirección local do PP para falar dunha posible moción de censura na cidade e atribuíu as informacións respecto diso a unha "cortina de fume" dos populares.

"O noso partido ten un procedemento, unhas normas internas e resolucións dos seus órganos que deben ser respectados sempre. Calquera reunión que se producise a título individual neste sentido non ten o aval da dirección local do partido", puntualiza a Executiva municipal a través dun comunicado tras as declaracións desta mañá de Rafael Rodríguez Villarino.

Tamén que tanto para aprobar "hipotéticos pactos de goberno con outras forzas políticas" como para elixir candidato ou candidata ás próximas eleccións municipais do 2023 irán "polo libro", en referencia a que cumprirán os estatutos do partido e promoverase a participación da militancia na toma de decisións.

A dirección dos socialistas ourensáns afirma que o PP é o "único culpable" da situación crítica da cidade de Ourense nos últimos 8 anos e de que o actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensá, siga no poder.

Por iso, consideran que "os responsables do problema dificilmente poden ser os responsables da solución" para a cidade e o que toca agora é "pensar no interese xeral da veciñanza e deixar calquera tipo de interese persoal ao carón".

E atribúen a información sobre contactos para unha moción de censura a unha "cortina de fume" promovida polo PP para "branquear a súa deplorable imaxe" despois de compartir "unha nefasta e disparatada xestión" con Pérez Jácome.

Desde o PSdeG de Ourense cren que o novo candidato do PP na cidade, Manuel Cabezas, quere "poñerse a medalla de tentar botar a Jácome" e blindarse cun hipotético acordo para que en 2023 goberne a lista máis votada ou, pola contra, "daría a espantada" e permitiría ao PP volver reeditar o seu pacto con Democracia Ourensá para "salvarlle a Deputación a Baltar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar