Portugal deixa de usar carbón para xerar electricidade
Pecha a central de Pego, orixe do 4 % das emisións nacionais de gases de efecto invernadoiro

Portugal deixou definitivamente de producir electricidade a partir de carbón tras o peche da central de Pego, orixe do 4 % das emisións nacionais de gases de efecto invernadoiro. Nun comunicado na súa web, a organización ecoloxista ZERO considera que se trata dunha "data histórica" para deixar de usar "o combustible máis contaminante en termo de emisións de gases de efecto invernadoiro" e dar un paso "crucial" na descarbonización.
A planta de Pego emitiu entre 2008 e 2019 unha media dun 4 % das emisións totais nacionais de gases de efecto invernadoiro, entre un 1,6 % e un 5,3 % en función da produción. En termos absolutos, a central (situada a uns 150 quilómetros de Lisboa) rexistrou unha media anual de 4,7 millóns de toneladas de dióxido de carbono.
Durante anos foi a segunda maior fonte das emisións portuguesas, tras a central termoeléctrica de Sines, pechada o pasado xaneiro. A planta de Pego entrou en funcionamento en 1993 e estaba xestionada por unha empresa conxunta entre Endesa e Trustenergy.
Adaptación das instlacións
Endesa anunciara o peche para este mes e a súa intención de adaptar as instalacións para produción fotovoltaica, almacenamento de baterías e un electrolizador para xerar hidróxeno verde.
Zero recalcou a importancia de garantir a recolocación do persoal afectado (unhas 150 persoas) e asegurar que non se poñan en perigo os logros ambientais que supón o cesamento do uso de carbón.
Sobre a posibilidade de queimar biomasa nas instalacións, a organización ecoloxista asegurou que non é unha solución sostible, porque é "ineficiente e contraditoria cos obxectivos de retención de carbono".
Tampouco considera que haxa suficiente biomasa forestal residual na zona e lembra que a Comisión Europea estableceu que a comezos de 2027 "os Estados membros non poden apoiar a produción de electricidade a partir de biomasa forestal en instalacións exclusivamente eléctricas". A organización defende proxectos con "fontes de enerxía verdadeiramente renovables".