Pontón pide un plan estratéxico para o rural baseado na "economía social"
A portavoz nacional do BNG pide "un cambio de paradigma” que inclúa “unha discriminación positiva” no relativo aos servizos públicos, avanzar na soberanía alimentaria e recuperar superficie agraria
Mellores prezos para os produtos de proximidade reclamou este martes a portavoz nacional do BNG. Nunha visita a varias empresas de Chantada, Ana Pontón, dixo que é necesario un plan estratéxico para darlle futuro ao medio rural.
Destacou o traballo das empresas que apostan por estes produtos e xeran emprego de calidade. Dixo que o rural ten que recuperar servizos e tamén superficie para producir máis.
Pediu Pontón “políticas de desenvolvemento rural” baseadas “no concepto da economía social”, capaces de incentivar a creación de “empregos de proximidade”.
“Levamos anos vendo como coas políticas do Partido Popular o medio rural vai a menos”, asegurou, e estamos “a asistir a unha morte lenta” do mesmo.
Nese sentido, dixo que se “hai vontade” é posible darlle a volta a esta situación, pero para iso non é suficiente unha “iniciativa puntual”, senón que é necesaria “unha aposta estratéxica do Goberno por un rural vivo”.
Para iso, afirmou que é preciso “un cambio de paradigma”, un “plan estratéxico para o medio rural” que inclúa “unha discriminación positiva” no relativo aos servizos públicos, especialmente en materia de sanidade e de educación.
Ao mesmo tempo, dixo que hai que seguir avanzando cara á “soberanía alimentaria” e, para iso, o BNG propón a recuperación dunhas 100.000 hectáreas de superficie agraria e apoiar o desenvolvemento de iniciativas empresariais que xeren un “valor engadido”.
“Temos que poñer o medio rural a producir”, insistiu, porque ten “un potencial e unha capacidade enormes”.