Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pontón pide a transferencia de salvamento marítimo no aniversario do Prestige

Pontón pide a transferencia de salvamento marítimo no aniversario do Prestige

G24.gal 12/11/2022 13:32

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reclama a transferencia a Galicia de salvamento marítimo e da loita contra a contaminación mariña, co gallo da conmemoración, este domingo, do XX aniversario da catástrofe do Prestige.

Durante un acto organizado polo partido en Camelle, no concello de Camariñas, instou a que Galicia "colla as rendas da súa costa".

"Ninguén mellor que os galegos e galegas para entender e defender a nosa costa e o noso mar e, por iso, reclamamos todas as competencias".

Adoptar as decisións desde Madrid no naufraxio "o único que fixo foi converter un accidente na maior catástrofe ambiental da nosa historia", considera.

Servizo público

Pontón defende un servizo de Salvamento Marítimo público, porque a seguridade no mar "non pode estar en mans de empresas privadas que só queren facer negocio".

Tamén demanda un control dos "sentinazos" fronte ás costas galegas, unha práctica ilegal "moi común", asegura, ante a que non se coñece "nin unha soa sanción".

Avances insuficientes

Reclama o tratamento definitivo dos residuos do Prestige, 10.000 toneladas de chapapote sen tratar que están nas instalacións de Sogarisa, nas Somozas, e que se cumpran "todas as promesas" adoptadas tras a catástrofe, como a construción dun heliporto na Costa da Morte.

Segundo a líder nacionalista, vinte anos despois aínda que houbo avances "non son suficientes" e "o risco permanece", do mesmo xeito que a "irresponsabilidade política dos de sempre", en referencia aos partidos estatais.

Sentimentos encontrados

Para Pontón este aniversario provoca "sentimentos encontrados". Por unha banda, de indignación polas "mentiras, a manipulación e a incompetencia" do Goberno central e do autonómico para tentar "tapar" o desastre e, por outra, de orgullo pola "valentía e coraxe con que o pobo galego respondeu".

"Unha dignidade colectiva que non ten comparación con ningunha outra resposta social en ningunha outra parte de mundo ante unha catástrofe similar", asegura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade