Publicador de contidos

Publicador de contidos

A protesta antifascista na Coruña acaba a xornada con contedores queimados e cargas policiais

A protesta antifascista na Coruña acaba a xornada con contedores queimados e cargas policiais

A concentración é continuación da protesta contra o acto de Vox na cidade

A xornada saldouse con dous detidos, uns 15 feridos, numerosas cargas policiais e varias intervencións dos bombeiros 

G24.gal 21/10/2026 23:45 Última actualización 21/10/2026 23:59

A Policía Nacional volveu cargar este mércores pola noite durante unha manifestación de arredor de 2.500 persoas, "contra o fascismo e a violencia policial".

Trátase dunha manifestación non comunicada que se trasladou ata a Delegación do Goberno e despois regresou á Subdelegación, polo que foi necesario cortar os accesos á cidade e a saída pola avenida do Porto.

Ao regresar á Subdelegación, repetíronse os episodios de violencia, co lanzamento de obxectos, como bengalas, por parte dos manifestantes e as posteriores cargas policiais con pelotas de goma, que deixaron varios feridos.

Fontes da Delegación do Goberno aclararon que "as concentracións e manifestacións non se autorizan", senón que se comunican e só se prohiben ou modifican se existe algunha razón fundada.

Todo comezou cunha protesta contra un acto do partido Vox na cidade

Os enfrontamentos prodúcense despois de que na mañá deste mércores unhas 4.000 persoas se concentraron desde as 11.00 na praza de María Pita, onde ás 12.00 horas facía unha intervención ante os medios o presidente do partido de ultradereita Vox. Tras un cordón policial formado por máis dunha ducia de furgóns da Policía Nacional, os manifestantes, convocados por colectivos de esquerda radical entre eles Galiza Nova e tamén o Sindicato de Inquilinas, situábanse nas proximidades do Concello, mentres que o acto de Vox se celebraba na entrada á praza por Porta Real.

Así, os manifestantes coreaban consignas como 'A Coruña é antifascista' ou 'Non sodes nada sen a policía', sen que se producisen incidentes. Ao finalizar o acto de Vox, os manifestantes lanzaron ovos e obxectos como chisqueiros contra o cordón policial. A continuación, a tensión foise incrementando e deu lugar a unha nova carga, na que polo menos un dos mozos resultou ferido, con feridas visibles no rostro.

Tras esta situación, os disturbios fóronse repetindo ata desprazarse cara á esquina da praza na saída cara a San Agustín, onde algúns manifestantes comezaron a empregar as cadeiras dunha das terrazas dun establecemento hostaleiro contra os axentes, alén de pedras e diferente mobiliario urbano. Unha das pedras excedeu o cordón policial e golpeou nunha perna a unha xornalista, que tivo que acudir a un centro sanitario para recibir asistencia. 

Os incidentes fóronse sucedendo e a policía desprazou aos manifestantes cara á igrexa de San Jorge, onde se repetiron as cargas nas rúas contiguas ao Pazo de María Pita ata pouco antes das 15.00 horas. Os primeiros balances falan de máis de 15 feridos dos que 12 son policías.  Fontes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) consultadas por Europa Press confirmaron que tres persoas foron atendidas no centro sanitario, aínda que ningunha delas revestía gravidade. 

Ao comezo da manifestación, en declaracións aos medios, o secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gabiás, reivindicou que "os discursos de odio que lanza" a formación de Santiago Abascal "non son ben recibidos en Galicia".

Durante o acto, preguntado pola protesta, Santiago Abascal defendeu que "non hai coacción" que poida con eles, asegurando que a presenza dos manifestantes non lles daba "ningún medo".

Tras producirse os disturbios, o Concello da Coruña emitiu un comunicado no que mostrou o seu "máis rotunda condena" contra "os actos violentos" que este mércores causaron danos e feridos en María Pita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade