Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pontón apoia a baixada do IVE da luz, pero reclama un imposto ás eléctricas

Pontón apoia a baixada do IVE da luz, pero reclama un imposto ás eléctricas

A líder da oposición reclámalle á Xunta un plan de axudas directas aos sectores máis afectados polo incremento dos prezos

 

G24.gal 23/06/2022 09:08

A portavoz nacional do BNG Ana Pontón ve con bos ollos a intención do Goberno central de baixar o IVE da luz o próximo sábado, pero considera que a medida é insuficiente:

"Está ben que se baixe o IVE, porque iso vai repercutir nunha baixada da factura, aínda que moi pequena, pero cremos que hai que ir máis alá. Cremos que ás eléctricas, e en xeral ás enerxéticas, hai que subirlles os impostos para que contribúan a pagar esta crise".

Ademais, a líder da oposición reclámalle á Xunta "un plan de choque dotado de 700 millóns" que inclúa axudas directas aos sectores máis afectados pola suba de prezos: "Aínda que me parezan insuficientes as medidas do Goberno central, o que me parece máis preocupante é que teñamos a Xunta cruzada de brazos sen tomar ningunha medida extraordinaria para atender esta situación, a pesar de que a inflación está sendo máis alta aquí que na media do Estado".

Pontón referiuse tamén á caída do viaduto do Castro, na A-6. A portavoz nacionalista considera dunha "gravidade enorme" que caia unha estrutura con apenas 20 anos de antigüidade, que foi das máis caras do Estado, e que non se lle estean pedindo responsabilidades á empresa construtora: "Estou absolutamente convencida de que aquí estamos ante un pacto de silencio entre o PP e o PSOE, que queren tapar as responsabilidades que ambos poden ter na xestión desta infraestrutura".

A líder do BNG volveu criticar a política sanitaria da Xunta e a situación da Atención Primaria. Pontón considera unha escusa que o Goberno galego argumente que o problema é que faltan médicos para poder contratar: 

"Temos un problema cando a metade das persoas que fan o MIR de Atención Primaria en Galicia non acaban traballando nos centros de primaria pola precariedade que hai. Os recortes de primaria están aí: temos 140 millóns de euros menos este ano destinados á Atención Primaria ca o ano 2009".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar