Pontevedra repetirá en 2025 como sede do Mundial Multideporte de tríatlon
Será a segunda vez na historia que os acolla, tras a exitosa edición de 2019
A cidade de Pontevedra non dá por terminado o seu vínculo especial co deporte do tríatlon. Á Gran Final das Series Mundiais que terán lugar este ano 2023 sumouse agora outro gran evento deportivo, os Campionatos do Mundo Multideporte.
A Boa Vila foi elixida como sede destes mundiais para o ano 2025. Será a segunda vez na historia que os acolla, tras aquela exitosa edición de 2019.
"Toda a cidade ten presente o que foi no 19. Pois é o mesmo pero cun mundial máis", explicou este xoves en rolda de prensa o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, confirmando a designación, e é que aos campionatos do mundo de dúatlon, ácuatlon, aquabike, tríatlon de longa distancia e tríatlon cros sumarase agora o de dúatlon cros.
En total espéranse máis de 4.000 deportistas para un evento que "non se sabe a data pero será a finais de primavera ou principios do verán", afirmou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
"Estou emocionado e orgulloso de que este campionato fose concedido por unanimidade", sinalou o rexedor defendendo que "non hai dúbida que Pontevedra é refencia mundial non tríatlon".
A candidatura pontevedresa xerou un importante consenso entre todas as delegacións federativas polo recordo do sucedido hai uns anos