Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Ponte Nafonso reclama un cruceiro que levaron hai 70 anos para Noia

A Ponte Nafonso reclama un cruceiro que levaron hai 70 anos para Noia

Queren que volva ao seu sitio orixinal, que é no medio da ponte

Castelao documentou a súa existencia en As cruces de pedra da Galiza

O cruceiro está diante da Igrexa de San Martiño en Noia
G24.gal 08/03/2022 13:17

Os veciños da Ponte Nafonso afirman que xa nos anos 30 do século vinte hai rexistros que din que o cruceiro estaba na ponte e piden que volva ao seu sitio, de onde non debeu saír. Aseguran que leva uns 70 anos na praza do Tapal, diante da Igrexa de San Martiño, pero a súa orixe non está aí. Os veciños de Outes reclaman que se lles devolva a peza, que, din, xa documentou Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza.

"El di que visitou A Ponte Nafonso no ano 33 e que o cruceiro non estaba en pé, que estaba en custodia nunha leira. Despois, polo 50 ou 60, volveuse poñer en pé outra vez. E despois caeu ou quitárono e estivo depositado na gabia da estrada ou nunha leira", asegura un veciño. 
"Cando ía a Noia ao instituto o cruceiro sempre estivo alí, pero, segundo din os veciños, o cruceiro estivo na metade da ponte que é de Noia", afirma outro.

Con este cartel no valado das obras da ponte, que leva cortada dende agosto, queren reivindicar a pertenza do cruceiro, non ao Concello de Outes, xa que recoñecen que estaba na parte de Noia da construción que separa aos dous concellos. O sitio onde os testemuños o sitúan é entre o cuarto e o quinto arco indo de Noia cara a Outes. O que non está claro é a data do suposto espolio, xa que ninguén sabe con exactitude cando quedaron sen cruceiro.

"Sería do 76 ao 80 que estaba de concelleiro Ons en Noia e de alcalde Busto e levárono para Noia, e está na praza do Tapal, que non lle corresponde o sitio ese", contan na vila.

O que si teñen claro na Ponte Nafonso é que o cruceiro é parte do conxunto da ponte e 70 anos abondan para que volva ao seu sitio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade