Ponteareas viviu a súa noite máxica preparando as alfombras do Corpus
Este ano celébrase a primeira mostra de arte floral de Galicia impulsada pola asociación de alfombristas local
En Ponteareas os alfombristas traballaron toda a noite para que este domingo nas rúas da vila puidesen lucir os seus tradicionais mantos de flores en honor ao Corpus Cristi.
En catorce postos, outras tantas floristas de toda Galicia ultimaban o que será a primeira mostra de arte floral de Galicia. Impulsada pola Asociación de Alfombristas de Ponteareas, forma parte da festa.
"Creo que é un complemento de acordo ao que é o Corpus en Ponteareas. Estamos falando da arte efémera, a arte floral da alfombra, e arte de flores, igual, é todo o mesmo", conta a TVG Miguel Angel García, o presidente da Asociación de Alfombristas Corpus Christi.
"A miña obra é moi simbólica. É unha alegoría á sagrada forma, o que realmente se celebra no Corpus, o corpo de Deus. É unha coroa. Que tamén significa a eternidade a pesar de que isto sexa unha arte efémera", explica Chus Mouriño, mestra de floraría e florista.
Estes portais das asociacións de alfombristas son a trastenda da festa. Preparan as flores, pican os pétalos, acumulan o verde das mimosas e das tuias. Aquí levan tres semanas traballando. É, dinnos, unha tradición, unha devoción e unha paixón
"Eu veño desde os sete anos e teño 92. Pois bótalle a conta, eu xa non lla boto. Non podo vivir sen iso. Non podo deixar de vir. Eu vin toda a vida", aclara Chola Costa.
"Eu vivín, crecín sempre nesta rúa e lévoo dentro. E claro que nos gusta isto. Vimos con todo o gusto todas as que estamos aquí. E sobre todo por tratarse do día de Corpus Christi", di Salomé Davila.
Fóra, os pequenos e as pequenas pintan os puntos que serven de guía dos debuxos das alfombras. Por diante, unha noite de traballo ata que o domingo as rúas de Ponteareas se enchan de mantos florais.
A boa nova é que nin a chuvia nin o vento, os dous grandes inimigos, están convidados.