Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polémica polo uso da Torre do Reloxo de Betanzos para unha proba deportiva

Polémica polo uso da Torre do Reloxo de Betanzos para unha proba deportiva

Dende o Concello aseguran que a Torre do Reloxo non sufriu dano ningún 

A oposición cuestiona o uso do patrimonio histórico para estas actividades

G24.gal 09/10/2022 14:53 Última actualización 09/10/2022 18:01

A Torre do Reloxo de Betanzos, con case cincocentos anos ás súas costas, lucía o domingo coma sempre, allea á polémica xerada entre a veciñanza. Unha proba deportiva de rapel, que incluía o descenso con cordas de corenta participantes pola fachada do monumento, abriu o debate. 

A opinión está dividida. Algunhas persoas condenan o uso dun edificio histórico neste tipo de actividades, outras pensan o contrario e hai quen prefire minimizar a controversia.

A empresa organizadora do evento di que conta cos permisos pertinentes e defende a escolla da torre co fin de darlle visibilidade ao patrimonio histórico da vila. Ademais, asegura que estiveron moi pendentes para evitar danos no monumento, que é de titularidade municipal.

Precisamente, o concello betanceiro cualifica a polémica de artificial.

"A proba que se realizou na torre non é unha actividade invasiva, nin se causou ningún dano á propia torre, e parécenos unha polémica partidista e interesada", defende a alcaldesa de Betanzos, María Barral.

Dende a oposición, tanto o BNG coma o Partido Popular, cuestionan estas actividades no patrimonio histórico. Mentres, dende a Consellería de Cultura atribúen ao Concello a competencia para autorizar ou non este tipo de actuacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade