Polémica en Camariñas polo peche dos areais para mariscar
Polémica en Camariñas polo peche dos areais para mariscar
A xunta xestora da confraría di que é polos prezos baixos, que non chegan aos 20 euros o quil
Os areais de Camariñas estarán baleiros ata o 1 de febreiro
Tempo revolto na confraría entre a xestora que está a cargo do pósito e os ata hai poucos meses encargados de rexer o destino dos mariscadores e mariscadoras de Camariñas. Uns acaban de pechar as praias porque o marisco, din, está barato.
Outros aseguran que quedan sen ingresos en pleno xaneiro e que poden vender fóra, noutras lonxas onde os prezos son o triplo. A polémica está servida.
Areais baleiros é o que hai esta semana e ata finais de mes. Parte dos mariscadores e mariscadoras encabezados polo que foi ata hai pouco patrón maior da confraría piden que se abran as praias para poder traballar, nun mes de xaneiro complicado no económico.
"O que din é que ata o día 31 non se pode volver mariscar. Somos 120 persoas, e, coa que está caendo, que hai persoas pasando fame, que se nos diga que non podemos ir mariscar cando eu estou vendendo a máis de 70 euros e se non chamades a Cabo de Cruz e que volo digan", di Ramón Lema, expatrón maior de Camariñas.
Os mariscadores, que non están de acordo coa decisión, din que o problema está no xeito de facer a comercialización. Afirman que os baixos prezos se deben a unha práctica de monopolio que fan os compradores co beneplácito da xunta xestora, que non dá explicacións.
"A resposta é que eu non podo ir ata o día 31, e o 31 por que, por que agora non e daquela si. Co que non estou de acordo é con que me paguen o meu marisco a 19 euros, pero se eu busco a vida e o podo vender a 60 ou 70, ninguén me ten que cortar as ás. Eu non sei o que está cobrando esa señora, pero ten que estar cobrando un salario fixo todos os meses, pero eu teño tres fillos e teño que levar comida para a casa. E nestes momentos estáseme impedindo traballar, e os prezos que eles din non valen para nada porque eu si que estou vendendo a 70 euros o quilo", afirma Lema.
Despois de intentar contactar cos responsables da xunta xestora que está rexendo a confraría ata marzo, cando está previsto que se celebren unhas novas eleccións, estes non quixeron dar unha explicación do peche dos areais.