O accidente na AP-9 altera a orde do día do pleno do Parlamento de Galicia
Dous deputados do PP tiveron que ser hospitalizados ao verse implicados no sinistro e outros parlamentarios víronse afectados polas retencións
Un accidente múltiple na AP-9 afectou hoxe o desenvolvemento do pleno do Parlamento de Galicia. Entre os feridos do sinistro había dous deputados do PPdeG, Gonzalo Trenor e Roberto Rodríguez, que viaxaban cara a Santiago para participar precisamente na sesión plenaria.
Debido á ausencia destes dous deputados, que foron hospitalizados, así como doutros que se viron retidos polo accidente, o Parlamento modificou a orde do día do pleno, polo que se adiantou a comparecencia do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que ía producirse a última hora da mañá.
Ademais, quedou aprazado e "no aire", polo momento, o debate da lei do clima, que se ía realizar sobre as 10:30 horas para a súa aprobación definitiva, e tras a comparecencia substanciaranse algunhas mocións que ían abordarse pola tarde.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, comunicou esta modificación ao comezo da sesión explicando que se producía a alteración da orde do día polo accidente na AP-9, no que á parte dos dous parlamentarios feridos, outros "moitos deputados" están a ter "atraso" á hora de chegar á Cámara galega.
A sesión comezou ademais con máis de dez minutos de atraso.