Publicador de contidos

Publicador de contidos

A economía do non, por María Bastida

OPINIÓN

A economía do non, por María Bastida

GREENFIBER-Arquivo
María Bastida 26/02/2026 08:08

O Parlamento era onte unha festa. Celebraban a caída dun proxecto industrial de 900 millóns de euros. Que unha provincia enteira quede sen enganche eléctrico nin capacidade de industrialización. Que unha vez máis, a política do medo consiga substituír á política industrial, e quen vive de dicir que non consiga que Galicia non faga nada. O curioso é que algúns sempre saben o que non queren. Non queren eólica, nin liñas de alta tensión, nin celulosas nin minas. Ata saben que non queren parques mariños, malia que nin sequera tivemos oportunidade de probalos. O que non saben é que queren no seu lugar.

Os celebrantes levan anos perfeccionando un modelo económico que non consiste en atraer investimento, nin en transformar o monte nin en subir na cadea de valor. Consiste en impedir. Cada vez que aparece un proxecto industrial actívase o mesmo mecanismo. Primeiro, a ameaza: “Se isto se instala, isto morre”. A partir de aí, o suxeito é intercambiable: a ría, o marisqueo, o campo, o mar. Segundo, o risco preséntase como lineal, inevitable e permanente. Non hai trade-off, só catástrofe. Terceiro, mobilízase a sociedade con imaxes e consignas, tamén perfectamente intercambiables: chemineas, vertidos, oficios tradicionais ameazados ou o que toque. E así, o debate deixa de ser técnico para converterse nunha cuestión moral. Non é unha fábrica, é unha agresión. E así, unha e outra vez. ENCE foi a ría. Altri era o Ulla. A eólica é o monte. A mariña será o mar. O argumento cambia de substantivo, pero a estrutura é sempre a mesma.

O curioso é o que pasa despois. Morren os bivalvos, péchanse bancos, trabállanse oito días ao mes, a xente gaña 450 euros. Sen planta, vertidos nin celulosa. Porén, ninguén di que quizais sobreestimaron riscos, que erraron nas súas decisións ou que transmitiron información nesgada e frivolamente simplificada. E así van creando un sistema de decisión colectiva onde exaxerar riscos industriais non ten custo. A política industrial limítase a opoñerse sistematicamente, porque o peor que pode pasar é que te equivoques e ninguén cho lembre. Mentres tanto, Galicia non industrializa. Só discute.

Non sei se Altri era o proxecto perfecto. Probablemente non. Pero o que si parece claro é que en Galicia hai demasiados sen mecanismos claros para decidir que industria quere aceptar e cal non. A súa única ferramenta é o conflito. Así que podemos seguir celebrando cada derrota industrial como unha vitoria moral, pero antes ou despois alguén terá que explicar que queremos facer cos nosos enxeñeiros, co noso monte e coa nosa mocidade. O veto pode gañar batallas, pero sempre perderá o futuro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade