Publicador de contidos

Publicador de contidos

Planas, sobre baixar ao Pitanxo: "Hai toda a disposición a colaborar, pero non é un tema sinxelo"

Planas, sobre baixar ao Pitanxo: "Hai toda a disposición a colaborar, pero non é un tema sinxelo"

"É un tema moi serio e temos que gardar respecto polas vítimas, as familias e a investigación que está en marcha"

O ministro de Agricultura e Pesca agarda que se poidan implementar novas medidas de axuda ao sector pesqueiro ao longo deste verán

 

 

G24.gal 06/07/2022 09:29 Última actualización 06/07/2022 12:55

Sostibilidade, pero sen deixar de ser rendibles e competitivos. Así se quere debullar o futuro dos sectores agrogandeiro e pesqueiro, tan importantes para Galicia. Pero o horizonte inmediato está cheo de incertezas. Luís Planas, que está este mércores en Lugo, onde visita o Laboratorio de Sanidade Vexetal, instalado no Centro Tecnolóxico Agroalimentario, estivo no informativo Bos días.

Planas destacou que o conxunto do sector está nun momento moi importante e que no último ano houbo un récord absoluto de produción agraria en España e se superou o número de exportacións ao exterior.

"Hai problemas derivados da situación económica xeral. Houbo incremento do prezo dos combustibles e fertilizantes, pero o Goberno levou a cabo medidas concretas de resposta de apoio a un sector que o merece porque é absolutamente necesario para abastecer de alimentos e bebidas a toda a poboación".

Inflación por riba do 10 %

Cunha inflación por riba do 10 % moitas das explotacións e flotas pesqueiras están abocadas, polo de agora, a traballar a perdas. Planas afirmou que dende o punto de vista da produción, España está nun nivel medio. Sobre se se pode traballar nesas condicións dixo que depende dos prezos de custo de produción e do prezo de venta: "Por iso aprobamos a lei da cadea alimentaria e tamén medidas de apoio en sectores específicos".

Quixo pór de exemplo o sector lácteo, ao que estiveron empurrando para que o produtor primario teña un mellor prezo. Destacou: "Neste momento págase a 0,42 euros/litro máis as medidas de calidade, para que lle retribúan os custos de produción".

Planas afirmou que aprobaron no Goberno de España axudas de 160 millóns de euros para 18.000 gandeiros no conxunto do país, 6.500 no caso de Galicia, por un importe de 57 millóns de euros. "Hai que vender rendiblemente, pero tamén hai mecanismos de apoio".

Rexeitamento das asociacións de pesca á política ambiental 

Este martes escenificouse o rexeitamento de distintas asociacións de pesca, xunto coa conselleira do Mar, a que a política medioambiental se impoña á pesqueira. O ministro afirmou que coñeceu o manifesto e destacou: "Estamos nunha pesca sostible porque é necesario para o futuro dos stocks".

"Eu entendo e protestei ante a Comisión Europea e votamos non no comité correspondente. Refírese a que determinadas áreas, que son consideradas vulnerables desde o punto de vista medioambiental, se pretenden vedar para a pesca. Non estamos de acordo porque cremos que fai falla previamente un diálogo sincero co sector. Estamos a favor da protección dos mares e océanos, pero ten que ser compatible coa actividade pesqueira que sexa rendible e poida ter un froito para todos".

Sobre se haberá máis bonficiacións para o sector pesqueiro, Planas afirmou que hai un conxunto de medidas que suman uns 76 millóns de euros. Pago de axudas a todos os segmentos, e en Galicia houbo 4.000 buques pesqueiros que se beneficiaron das axudas que xa foron aboadas para este incremento de prezos, e agora están os 20 céntimos/litro do gasóleo, "que prorrogamos ata finais de ano, e estamos instruíndo os expedientes para novas axudas con cargo ao fondo europeo marítimo da pesca e a acuicultura para conseguir compensar este incremento de custos que é necesario para o sector pesqueiro se quere seguir pescando. Se queremos a continuidade temos que apoiar o sector".

Destacou que este mércores estará en Burela, onde se reunirá con membros da confraría e do sector. Sobre os prazos, o ministro dixo que están en contacto coas comunidades para a instrución do tempo: "Espero que ao logo deste verán poidamos implementar esas medidas complementarias".

PERTE agroalimentario

Sobre os PERTE aprobados dende principios deste ano para o sector agroalimentario dixo: "A cantidade prevista ata 2023 será suficiente para conseguir os obxectivos". O PERTE ten dous grandes retos: a innovación e a dixitalización e a sostibilidade.

"O laboratorio nacional de sanidade vexetal de Lugo é froito de parte deses investimentos que levamos a cabo. Quixemos que estivera en Lugo e é moi interesante o traballo que están facendo, e ampliarase, porque a sanidade vexetal é algo que nos interesa a todos".

Co inicio da guerra víronse os problemas para importar os cereais dos provedores de sempre. Planas afirmou: "En España temos 6 millóns de hectáreas e unha produción de 20 millóns de toneladas de cereais anualmente. Necesitamos 15 millóns de toneladas que importamos do exterior, sobre todo millo. Unha parte viña de Ucraína, e conseguimos que a Comisión Europea liberalice algúns barbeitos ou reservas ecolóxicas, pero necesitaremos importacións. O mercado funciona e importamos millo do Canadá e dos Estados Unidos. O sector necesita dispor de millo e de colza, e está asegurado, pero a uns custes superiores aos anteriores".

Acordos de pesca entre Marrocos e a UE

Tras o cambio da estratexia de España con Marrocos, sobre se se aproveitarán mellor as cotas pesqueiras asinadas nos acordos de pesca entre Marrocos e a UE, Planas dixo: "Facemos un  grande esforzo cos terceiros países para conseguir o mellor para o sector, pero teñen que ser os armadores quen decidan se é rendible ou non".

Destacou que o acordo funciona ben e que conclúe no 2023, polo que haberá que negociar un novo acordo co Reino de Marrocos, e impulsarase.

Villa de Pitanxo

Para rematar, preguntóuselle por que o Villa de Pitanxo non será inspeccionado por un robot submariño. Planas dixo que non hai ningunha decisión ao respecto e que o que se refire á investigación xudicial que se leva a cabo necesita dunhas condicións técnicas das que non se dispón.

"É unha cuestión de competencia da Mariña Mercante e da investigación que se está a levar a cabo, e en función diso e se hai algunha circunstancia por aclarar nunhas condicións moi difíciles, porque se ignora a posición concreta e a profundidade e as características, responderemos a iso. Non é unha tarefa sinxela. Por parte do Goberno, hai toda a disposición a colaborar non só coa xustiza senón coas familias, pero non é un tema sinxelo e non quero que sexa obxecto de polémica por parte de ninguén".

Destacou: "É un tema moi serio e temos que gardar respecto polas vítimas, as familias e a investigación que está en marcha".

Reacción das familias dos falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo

Os familiares das 21 persoas falecidas no naufraxio do Villa de Pitnaxo quixeron responder ás declaracións que fixo Luís Planas. María José de Pazo manifestou que "esas declaracións non amosan a realidade" e que as familias levan meses agardando unha resposta do Goberno sobre as súas peticións.

"Non son só sobre a baixada ao barco, senón que son outras, e non temos ningún tipo de información".

De Pazo quixo destacar que se non é pola entrevista que se lle realizou a Planas na Televisión de Galicia non saberían nada. Cre que esa non é unha canle para darlle noticias ás familias.

"O único que é certeiro e real é que levamos cinco meses, como di o ministro Planas, e non sabemos a profundidade a que está o barco. Todo o mundo sabe que cun sonar se pode medir de forma sinxela a profundidade. Polo tanto, se non se fixo é porque non hai vontade".

María José de Pazo destacou que pediron un interlocutor interministerial e que remitiron un informe visado en que se xustifica de forma técnica a total viabilidade e seguridade de baixada ao barco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade