Publicador de contidos

Publicador de contidos

Planas critica que o plan de pesca de Bruxelas non reflicta a situación do sector

Planas critica que o plan de pesca de Bruxelas non reflicta a situación do sector

O ministro de Pesca asegura que España defenderá os intereses da frota pesqueira no Consello de Ministros da Unión Europea do próximo 20 de marzo

Planas reclamará un traballo científico sólido que considere os puntos de vista biolóxico, económico e social

G24.gal 13/03/2023 19:25 Última actualización 13/03/2023 19:41

O ministro de Pesca Luis Planas mostrou este luns a súa desconformidade coa proposta de Bruxelas sobre un plan de acción para a conservación pesqueira, que pretende restrinxir a pesca de arrastre en zonas protexidas. Cre que o plan non representa a situación real do sector.

Planas informou os conselleiros autonómicos de que, ante as propostas feitas pola Comisión Europea, España defenderá os intereses da frota pesqueira no Consello de Ministros Agricultura e Pesca da Unión Europea do próximo 20 de marzo.

"A Comisión Europea debe definir un enfoque estratéxico e socioeconómico antes de acometer novas medidas que afecten á pesca", di Planas.

España, do mesmo xeito que outros países membros da UE, non comparte o enfoque xeral do paquete de medidas porque "carece dun enfoque estratéxico" e "non aborda en profundidade todos os problemas que incumben ao sector", sinalou o ministro.

Entre estes problemas, di,  atópanse a dificultade da substitución xeracional e as actuacións para garantir a seguridade alimentaria.

Ademais, o ministro considerou que as propostas da CE "demonizan" a pesca de arrastre como unha "arte daniña".

Planas trasladou unha mensaxe de tranquilidade, xa que non se trata aínda dunha proposta lexislativa.

Propostas da Comisión Europea

A CE presentou o pasado 21 de febreiro catro comunicacións en materia de pesca: un plan de acción para a conservación dos recursos, senllos informes de funcionamento sobre a Política Pesqueira Común (PPC) e sobre a Organización Común de Mercados e unha comunicación sobre a descarbonización do sector.

Sobre o plan para a conservación, o ministro considerouno decepcionante, porque non realiza un enfoque equilibrado entre a política pesqueira e ambiental, xa que non ten en conta a dimensión socioeconómica.

Ademais, sinalou que introduce actuacións para limitar e prohibir a pesca de arrastre de fondo en áreas mariñas protexidas de forma xenérica, sen considerar que non todas as artes de fondo teñen o mesmo impacto.

O ministro reclamará a necesidade de realizar previamente un traballo científico sólido que considere os puntos de vista biolóxico, económico e social, anunciou o Ministerio nunha nota.

En canto á PPC, explicou que o documento prioriza exclusivamente as cuestións ambientais, que xa foron obxecto da reforma realizada en 2013, e non aborda unha visión estratéxica de futuro que considere todos os problemas actuais do sector pesqueiro.

Sobre a Organización Común de Mercados da pesca, Planas explicou que é necesario a defensa do produto comunitario fronte aos de terceiros países e que se esixan a estes as mesmas condicións e normas de comercialización para non prexudicar a competitividade da frota europea.

Actualmente, o 70 % dos produtos pesqueiros que se consomen na UE procede do exterior.

No Consello do próximo luns tamén se abordará outra cuestión de grande alcance para España: a finalización do acordo de pesca entre a UE e Marrocos, que expira en xullo.

Neste sentido, o MAPA anunciou que o Goberno apoiará que se tomen medidas para evitar a interrupción da actividade.

España é un dos países máis beneficiados por este acordo, xa que das 138 licenzas posibles, 93 corresponden a buques españois, principalmente andaluces, canarios e galegos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade