Piden melloras para a seguridade dos peóns na AC-453, en Ames
En varios tramos da reformada estrada non hai espazo para o tránsito seguro de viandantes
A estrada AC-453 loce un firme novo algo que celebran os que van en coche, pero non tanto moitas das persoas que viven nas tres parroquias do concello de Ames polas que pasa: Piñeiro, Tapia e Ames.
Agora a estrada ten máis tráfico, máis de camións e é máis rápido, mentres que en varios tramos non quedou por onde camiñar sen invadir a calzada.
"Lustrosa para o tránsito de coches. Colles o coche e vas moi ben por ela. Pero non fixeron as cousas ben para os peóns, porque non podes pasear. Un veciño que queira camiñar, por exemplo desde Piñeiro, en Ames, ata Bertamiráns encóntrase con moitísimas dificultades debido precisamente ao tráfico de camións que veñen de Carballo cunha gran tonelaxe e que te pon en perigo", sinala Santiago Brandón, tesoureiro da asociación de veciños Tres Aldeas.
No traxecto desta estrada pertencente á Xunta hai un colexio de infantil e primaria ao que chegar andando desde moitas casas resulta perigoso.
"Non é moi segura desde o colexio de Barouta a Tapia. En Tapia hai beirarrúa, pero polo demais non hai nada e é bastante perigoso, porque os coches veñen bastante lanzados e non se pode ir á beira da estrada nin nada", explica Carmen, veciña da parroquia de Ames.
Os condutores piden que coloquen espellos que faciliten a incorporación desde camiños veciñais, pero as demandas máis repetidas son as de máis protección peonil, especialmente polo tráfico de tráilers.
"Co refluxo que fai o aire case te tira para as silvas, porque non hai tampouco cunetas ben feitas nin nada. Imaxina iso nun día con choiva e... estás vendido tamén", di o representante veciñal.