Piden medidas antirroubo na estación da Estrada tras outro roubo no interior
A asociación xuvenil que usa as instalacións pídelle ao Concello accións contra o vandalismo
O que queda de estación de autobuses da Estrada como tal é que ante a fachada do edificio paran os autocares para coller e deixar viaxeiros. A vida que ten no interior é grazas á asociación xuvenil Ocionautas.
O Concello cedeulles a zona inferior para as súas actividades. Esta mañá Daniel preparaba o espazo para gravar unha curtametraxe. Entre tarefa e tarefa conta a última falcatrúa que lles fixeron: "O luns á mañá vin preparar unhas cousas e atopo co cristal roto. Quedei atónito. Entraron a roubar outra vez. Faltaba unha Play 4, diñeiro dunha caixiña que tiñamos con chave e os xogos da Play".
Explícanos que a Play era dunha voluntaria que a tiña alí a disposición de todos os integrantes dunha asociación que dispón dos recursos económicos contados. Desta volta, non é a primeira vez que lles pasa, o asalto foi por unha ventá. Desde Ocionautas pídenlle ao Goberno municipal da Estrada medidas disuasorias contra o vandalismo.
"Que nos poñan unha alarma en condicións, algo de seguridade. Porque aquí a xente, no edificio e tamén no recinto exterior, entra constantemente", di Daniel Pérez.
Desde Ocionautas inciden na importancia do mantemento. Porque a fachada principal da estación ten na rotura da vidreira outra evidencia de que o grao de abandono é notable e con risco para as persoas.