Piden máis investigación antes de xeneralizar a cuarta dose da vacina entre os maiores
Os especialistas aseguran que as necesidades de protección non son as mesmas entre as persoas de máis idade
En Galicia unhas vinte mil persoas de alto risco están xa a recibir unha cuarta dose de reforzo da vacina contra a covid. Trátase de doentes inmunodeprimidos, como os transplantados ou aqueles que están a recibir un tratamento de quimioterapia. Porén, os especialistas piden unha maior investigación antes de aplicar unha inmunización xeneralizada no caso da xente maior. O estado das defensas non é o mesmo nunha persoa de 65 anos que noutra de idade máis avanzada.
"Non podemos unificar todas as idades do mesmo xeito e aquelas persoas maiores que son moi vulnerables pode ser que estean en risco e a súa inmunidade estea máis baixa, e que sexa preciso incrementar a súa inmunidade. Pero isto precisa de estudos", mantén Andrés Vázquez, xerontólogo.
Os especialistas tamén traballan en coñecer as consecuencias psicolóxicas que a pandemia e o confinamento tiveron sobre a xente maior. A soidade, o medo, a separación dos seres queridos son cuestións que os maiores tiveron que sufrir diante dun sistema sanitario totalmente rebordado fronte á pandemia.
"A formación do persoal e a preparación dos centros residenciais non estaban, e seguen sen estar nestes intres, adecuados a este tipo de situacións. As persoas que viven na residencia precisan dun maior control sanitario e comunitario, e dunha maior inserción na comunidade, para que non nos volva pasar isto que pasou", comenta Andrés Vázquez.
Os técnicos lembran que o coronavirus é un desafío para a ciencia e só a investigación permitirá tomar as decisións correctas.