Piden 13 anos de cadea para un veciño de Lugo acusado de abusar dunha filla da súa exparella
Deitouse coa nena e realizoulle tocamentos cando a nai estaba de viaxe
Un home de 46 anos está acusado de abusar dunha das fillas da súa exparella. Segundo o escrito da acusación, os feitos sucederon no domicilio familiar, en Lugo, en novembro de 2018, cando a vítima tiña 14 anos.
Aproveitando que a súa nai se encontraba de viaxe, o padrasto deitouse coa rapaza e realizoulle tocamentos nos peitos e na vaxina. A consecuencia do acontecido, durante a ausencia da súa proxenitora a vítima durmiu coa súa irmá máis nova coa porta do cuarto atrancada cun colchón.
Posteriormente, en marzo de 2020, o acusado empuxou a irmá maior da vítima no transcurso dunha discusión cando ela soubo do sucedido. Polo delito de abusos sexuais a unha menor de 16 anos, a fiscalía da Audiencia Provincial de Lugo pide doce anos de cadea, e outros once meses polo delito de maltrato no ámbito familiar.
Ademais, solicita o pagamento dunha indemnización de 15.000 euros polas secuelas e por danos morais. Pola súa parte, a defensa pide a libre absolución.