Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pescadores e patronal eólica discrepan sobre o impacto dos muíños no medio mariño

Pescadores e patronal eólica discrepan sobre o impacto dos muíños no medio mariño

A Federación Española de Confrarías de Pescadores pide a retirada do plan, a dimisión da Ministra de Transición Ecolóxica e unha entrevista co presidente do Goberno

A Asociación Eólica de Galicia asegura que non está demostrado o impacto dos muíños no medio mariño e apela ao consenso para aproveitar esta "oportunidade"

G24.gal 11/03/2023 10:14 Última actualización 11/03/2023 14:29

O presidente da Federación Española de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, e o presidente da Asociación Eólica de Galicia, Manuel Pazo, analizaron no Bos Días o impacto que terá en Galicia o Plan de ordenación do espazo marítimo (POEM) aprobado polo Goberno que permitirá instalar parques eólicos mariños fronte ás costas galegas.

Basilio Otero asegura que o impacto do plan "é moito máis grave do que a xente cre, porque non hai estudos de cal vai ser a afectación da vibración e o electromagnetismo que poden xerar eses parques". Pide a retirada do POEM, a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica e reclama unha entrevista co presidente do Goberno.

Basilio Otero: "Pedimos entrevistarnos directamente co presidente do Goberno porque entendemos que, rotas as relacións con este ministerio, hai que ir a unha instancia superior para que nos escoite".

Otero afirma que o sector non se opón ás enerxías renovables pero si a que os plans do Ministerio de Transicion Ecolóxica boten por terra o traballo realizado pola frota pesqueira. Afirma que os pescadores "somos de dialogar, non de manifestarnos e andar pelexando" e non desbotan pedir unha reunión co comisario europeo de enerxía na procura "dun entendemento".

Na entrevista, o presidente da Federación Española de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, alertou dos efectos que a eolica mariña causará nos caladoiros galegos. Pon como o exemplo ocorrido en Viana do Castelo, que alberga un dos dous parques eólicos mariños que existen en Europa. Nel estableceuse unha zona de servidume dunha milla e nesa zona os mariñeiros comprobaron que "xa non hai peixe e non poden pescar".

O presidente da  Federación Española de Confrarías de Pescadores afirma que unha vez se habiliten os polígonos eólicos mariños en Galicia, haberá unha "megazona" ao norte da Coruña e Ferrol onde estará prohibida pescar e tamén cruzar, polo que interferirá na ruta de ida e volta ao Gran Sol.

Asociación Eólica de Galicia:"Aínda non está demostrado que existan repercusións".

O presidente da Asociación Eólica de Galicia, Manuel Pazo, defende o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) aprobado polo Goberno. Afirma que "non está demostrado" que os poligonos eólicos mariños provoquen afectación na biodiversidade, na paisaxe ou no turismo.

Nunha entrevista no Bos Días, Manuel Pazo indicou que estudos realizados noutros países revelan que os efectos destes parques "son mínimos" e di que non teñen referencias de que estas instalacións fixeran "diminuir a pesca no Norte de Portugal".

O presidente da Asociación Eólica Mariña explica que os primeiros muíños tardarán "seis ou sete anos" en instalarse en Galicia e recalca que ámbalas actividades -a pesqueira e a explotación eólica- son "compatibles".

Manuel Pazo fai un chamamento ós sectores implicados, ós sindicatos, partidos políticos e a socidade en xeral para tentar "chegar a un consenso". Segundo indica, está en xogo o futuro industrial e económico de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade