Deteñen dúas persoas en Ferrol como presuntos autores dun delito de furtivismo
Deteñen dúas persoas en Ferrol como presuntos autores dun delito de furtivismo
Posuían unha depuradora ilegal e capturaban polbo utilizando lixivia
O equipo de Resposta Rápida da Policía Autonómica xunto cos gardacostas de Galicia levaban xa dende o mes de novembro investigando posibles casos de furtivismo na ría de Ferrol. A incautación de 800 quilos de ostras foi o comezo da operación Salitre contra o furtivismo na ría de Ferrol.
"De ahí empezamos a mirar o que había. Había bastantes queixas das confrarías de Ferrol polo tema do furtivismo, esa eiva que hai aí e levounos ata un baixo que estaba en Narón onde había unha depuradora ilegal, onde esta xente se dedicaba de noite cos equipos de submarinismo pois a arrasar todo o que atopaban neste tema. Nese rexistro dese baixo atopamos unha cámara e nesa cámara atopamos as probas da pesca do polbo con ese líquido que é tan agresivo que fai que o polbo abandone a seguridade da cova", informa Fernando Molina, xefe do grupo Erpol da Policía Autonómica.
O resultado da operación foron dous detidos, os responsables da depuradora ilegal. Ademais da imputación por presuntos delitos contra e a flora e a fauna, estes dous furtivos terán que responder tamén por falsidade documental e por defraudación do fluído eléctrico xa que para o funcionamento da depuradora roubaban a luz á comunidade do edificio.
O que comezou cun indicio de que había unha importante actividade pesqueira ilegal, está resultando ser un duro golpe contra o furtivismo na ría.