Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pesar no socialismo galego pola morte de Antonio Rodríguez, exsecretario xeral e presidente do PSdeG

Pesar no socialismo galego pola morte de Antonio Rodríguez, exsecretario xeral e presidente do PSdeG

“Deixa unha pegada profunda no noso partido e nas nosas vidas”, dixo o actual líder do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro

G24.gal 22/01/2026 20:26 Última actualización 22/01/2026 20:39

O socialismo galego mostrou este xoves o seu pesar polo falecemento de Antonio Rodríguez Rodríguez (A Peroxa, 1944), quen foi secretario xeral e presidente do PSdeG.

Nunha mensaxe publicada nas súas redes sociais, o actual xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que Antonio Rodríguez Rodríguez foi un “referente” para xeracións enteiras de socialistas pola “súa coherencia, a súa humildade e por unha maneira de entender a política feita de diálogo, compromiso e traballo colectivo”.

“Deixa unha pegada profunda no noso partido e nas nosas vidas”, dixo Besteiro, que trasladou no seu nome e no de todo o socialismo galego unha aperta á súa familia e ás súas amizades.
“O seu legado político e humano seguirá vivo sempre entre nós”, afirmou nunha publicación na que parafrasea a Rodríguez ao lembrar a súa frase: “Morrerei sendo socialista”.

Ademais, nun comunicado, a Executiva provincial do PSOE de Ourense trasladou tamén o seu pesar por “unha das personalidades políticas máis relevantes da historia da provincia e figura clave do socialismo galego”.

“O partido perde un referente moral cuxa fidelidade aos valores socialistas e dedicación ao servizo público deixa un legado que permanecerá vivo nas xeracións presentes e futuras de militantes”.

Nado na Peroxa en 1944, Antonio Rodríguez dedicou boa parte da súa vida a representar Ourense nas institucións centrais do Estado.
Durante cinco lexislaturas (1979-1993) exerceu como deputado no Congreso defendendo os intereses da provincia durante a transición e os primeiros anos da democracia.
Posteriormente, entre 1996 e 2000, representou Galicia no Senado.

“Ao longo das seis lexislaturas nas que exerceu como parlamentario, Antonio Rodríguez defendeu os sectores máis vulnerables da sociedade e traballou incansablemente por achegar os recursos e prioridades do Estado ás necesidades reais da provincia”, sinalou o PSOE provincial.

Máis alá da súa actividade parlamentaria, asumiu responsabilidades orgánicas en momentos decisivos.
Entre 1982 e 1985 exerceu como secretario xeral do partido galego e, posteriormente, como presidente ata 1988.

“Mestre de vocación e político por compromiso, sempre exerceu a liderado desde a humildade, a escoita activa e a convicción de que a política debe estar ao servizo da xente”, apuntan os socialistas ourensáns.

Ademais da executiva local do PSOE de Ourense, trasladaron o seu pesar outros socialistas, como o exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, quen asegurou que “o socialismo galego está de loito” e definiu a Rodríguez Rodríguez como un “servidor público, referente socialista, sempre comprometido e loitador”.

 
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade