Publicador de contidos

Publicador de contidos

Persecución, coitelo en man, polo centro da Coruña

Persecución, coitelo en man, polo centro da Coruña

Un dos homes levaba un coitelo, segundo algunhas testemuñas, e o outro defendeuse cunha cadeira dunha terraza

Un dos individuos foi identificado na propia praza e o outro fuxiu

 

G24.gal 12/05/2026 14:31

Arrancou quente a mañá. Case nin había movemento. Algún negocio aberto, un par de veciños madrugadores e pouco máis.

"Estaba antes das oito da mañá atendendo e chegou unha muller dicíndome que había barullo na praza. Asomamos a cabeza e viñan da entrada do Gadis dous homes, un detrás do outro, e o de atrás cun coitelo", explica unha hostaleira.

Carreira dende a Calle Real, pasando polo mercado de San Agustín e con final na praza de María Pita. O corazón mesmo da cidade. Alí o vocerío escoitouse nos pisos máis altos.

"Empecei a esoitar berros pola ventá e asomeime porque eu vivo en fronte da igrexa de San Jorge, e vin dúas persoas berrando, un ía de branco e o outro de escuro. Uns berros tremendos, un marchou para un lado, o outro berráballe pero cuns insultos gravísimos que non vou repetir", confirma un veciño.

"Estaba tomando o café pola mañá e había un mozo, que ademais me pediu un cigarro e deillo, e despois saíu para a parte de atrás do bar pelexarse con outro ao que xa non vin eu. Colleu unha cadeira do bar e dixo que o outro trouxera un coitelo", coincide outro.

Berros, insultos e algo na man, que segundo uns era un coitelo e para outros un machete. Chove sobre mollado.

"Eu non cheguei a velo, pero a muller dixo que si levaba un coitelo, e despois veu outro mozo e dixo que o outro día neste outro lado da praza houbera outra lea con arma branca. Se son os mesmos, xa non teño nin idea", engade a hostaleira.

En ningún dos casos, o enfrontamento chegou a máis. Neste último, un dos implicados foi identificado. O outro fuxiu.

"Viñeron tres coches da policía municipal, viñeron outros tres da nacional e deberon andar buscando o outro, pero non sei se o atoparon ou non".

"Cando aparquei a moto había catro municipais rodeando un rapaz, que estaba calmado, co móbil na man, 'wasapeando'", confirma un traballador madrugador.

Como pasa nestes casos, ningún dos dous quixo presentar denuncia. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade