Detido un condutor que cuadriplicaba a taxa de alcol logo dunha espectacular persecución en Cangas
O home fuxiu logo de chocar coa súa furgoneta contra outro coche na praza de abastos de Cangas
Unha patrulla da policía local perseguiuno a toda velocidade pola estrada e os camiños da parroquia do Hío, onde se meteu nunha calella sen saída
A policía de Cangas detivo un veciño que fuxiu logo de colidir con outro coche no centro da vila. Pero foi despois dunha persecución de varios quilómetros a toda velocidade polas estradas e camiños do concello. Finalmente parou nun calello sen saída preto do mar.
Unha espectacular persecución, a gran velocidade, que comezou no centro de Cangas e rematou xusto aquí neste punto do lugar de Castiñeiras, na parroquia do Hío. Foi detido o condutor dunha furgoneta que fuxiu tras unha colisión. Os axentes mesmo tiveron que desenfundar as armas e unha pistola táser para facerlle fronte, xa que o individuo portaba un obxecto brillante. Finalmente non era nada perigoso. O home, veciño de Aldán, deu positivo en alcoholemia. Ao parecer levaba un cubata no coche mentres fuxía da policía.
A colisión tivo lugar na contorna da praza de abastos arredor das oito do serán. Había numerosas persoas que presenciaron o choque e como o condutor da furgoneta saíu fuxindo do lugar. Entre as testemuñas, unha familia de vacacións no Morrazo.
"De súpeto escoitamos un golpe superforte, e un home berrando: 'Para, para!', e de súpeto a furgoneta sae correndo, un policía que estaba alí saiu detrás del. E o home, para adiante, para adiante, e o coche patrulla saíu atrás del...", relata unha testemuña presente no lugar do choque.
Foron inútiles os intentos da Policía Local por darlle o alto. O individuo apertou o acelerador e dende o centro de Cangas percorreu varios quilómetros pola estrada que vai a Aldán. A patrulla da policía seguíalle o rastro a pouca distancia. Nun momento dado virou cara ao Hío. Neste punto desviouse cara ao camiño de Castiñeiras.
"A todo gas, eh!, chiaban as rodas, a toda velocidade por aí para abaixo, que malamente cabe un coche, en dirección prohibida. Se colle alguén preto lévao por diante. Meu irmán tivo que afastarse, que lle pasou xusto ao lado", di outro veciño do Hío, no punto onde se desviou a frugoneta.
Por camiños estreitos a toda velocidade poñendo en perigo outros condutores e transeúntes. A un veciño case o leva por diante.
"Viña embalado, e xa ves o sitio como é. Se non chego a oílo, non sei que pasaría. Oín un ruído e afasteime, porque aí é moi estreitiño, apenas cabe un furgón", di o veciño ao que lle pasou a rentes a furgoneta que fuxía.
Finalmente escolleu a alternativa equivocada porque rematou nun camiño sen saída, preto da praia de Area Brava. Alí a policía deulle o alto. O home baixou con algo brillante na man, polo que os axentes, desconfiados, desenfundaron as armas e unha pistola táser. Non era un obxecto perigoso. Reducírono e fixéronlle a proba de alcoholemia.
"Cheguei aí e estaba os dous policías. E dicíalle un ao outro: imos facerlle a proba de alcolemia. E logo eu xa non sentín máis curiosidade e marchei, xa din volta para a casa", conta o veciño que foi testemuña directa do final da persecución.
Deu unha taxa que cuadruplicaba o máximo permitido. Ao parecer, durante a persecución levaba un cubata ao lado do volante.