Perder o medo a utilizar o desfibrilador é esencial para salvar vidas
O servizo de cardioloxía do HULA organiza xornadas formativas para ensinar á poboación interesada como realizar unha manobra de reanimación cardiopulmonar ou usar os desfibriladores
Realizar a RCP a unha persoa infartada mentres non chegan as urxencias médicas triplica as posibilidades de supervivencia
É moi sabido aquilo de quen move as pernas, move o corazón. Pero non está de máis insistir e por iso o Servizo de Cardioloxía do HULA organiza unhas xornadas didácticas que mostran a importancia do exercicio adaptado ás condicións físicas de cada quen. Tamén explican como facer unha RCP ou usar os desfibriladores.
"A actividade de hoxe está dirixida a que tanto poboación xeral coma pacientes cardíacos estean adestrados en técnicas de reanimación cardiopulmonar e utilicen os desfibriladores repartidos por toda a cidade.
Temos que estar todos adestrados e non dubidar, porque os cinco primeiros minutos son clave antes de que chegue a ambulancia, porque unha RCP ben feita triplica as posibilidades de supervivencia", di Jorge Armesto, cardiólogo do HULA e promotor da iniciativa.
Importante aprender como actuar e perderlle o medo ao desfibrilador.
"Saber que un pode facer algo é o concepto que hai que transmitir, porque por cada minuto que pase dende unha parada as posibilidades de supervivencia diminúen un dez por cento. Hai que facer algo, non quedar mirando", coméntanos o xefe do servizo de cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey.
"Un desfibrilador nunha parede non salva vidas, hai que aprender a usalo. É un aparato deseñado para que calquera persoa poida empregalo", di Jorge Armesto.
Que dúbida cabe que antes que ter que pasar á acción o mellor é previr. E no caso do corazón, o exercicio físico é fundamental.
"É fundamental que todos incorporemos o exercicio físico á nosa rutina diaria. Sempre vai haber un execicio perfecto para cada un independentemente da patoloxía, da idade ou da condición física de cada un", asevera Marisol Imedio, fisioterapeuta da unidade de rehabilitación cardíaca do HULA.
Carlos González Juanatey afirma que "o oitenta por cento dos infartos pode previrse controlando os factores de risco".
A morte súbita cardíaca causa cada ano dez veces máis mortes que os accidentes de tráfico.