Pepe Álvarez, convencido da proximidade dun acordo para derrogar a reforma laboral
O secretario xeral da UGT, Pepe Álvarez, está convencido de que haberá un acordo proximamente sobre a reforma laboral. Nunha entrevista na Radio Galega, o líder sindical afirma que estamos na recta final da negociación e avisa que Bruxelas cambiou o seu paradigma económico e agora reclama un cambio de modelo de relacións laborais que permita rematar coa precariedade, a temporalidade e o aumento dos salarios. Por todo iso, advirte:
"Temos que pensar que nos queda mes e medio e que non vai ser nada doado pero que, en todo caso, concluirá con toda seguridade a finais do mes de novembro cun cambio moi importante nas relacións laborais no noso país".
Sobre outros asuntos, interrogado polo acordo do Goberno e o PNV para a transferencia do ingreso mínimo vital, o líder da UGT veo con bos ollos e aposta por facelo extensivo a todas as comunidades autónomas.