Paso de xigante de U. D. Ourense e Sarriana para xogar a fase de ascenso na Terceira
O terceiro posto do descenso queda moi incerto, con seis equipos separados por só dous puntos
Co Bergantiños como campión, o Gran Peña Celta C e o Arousa xa clasificados, a xornada da Terceira Federación deixou a U. D. Ourense e a Sarriana con pé e medio na fase de ascenso a Segunda Federación. O resultado dos de Sarria, recentemente ascendidos, cun triunfo en Arteixo (0-2) déixaos moi preto de facer historia. A U. D. Ourense non tivo piedade do descendido Pontevedra B ao que lle gañou por 4-0 (Luismi, Yelco, Matovu e Alex Fernández) e ten unha marxe de catro puntos con seis por xogarse.
Máis pechada está a lea do descenso. Desde o Viveiro (40 puntos) ata o Paiosaco (38) que se atopa en posto de descenso hai outros catro equipos. Somozas, Betanzos e Rápido teñen 39 e o Barbadás está empatado cos da Laracha con 38 puntos. Só quedan dúas xornadas para o final e evitar esa praza que os saca da Terceira será unha das grandes leas que van protagonizar os equipos desta categoría.