Paro da frota contra a normativa europea de control das capturas
O sector considera que é inaplicable e perigosa para os pesqueiros
Este luns reúnense coa Secretaría Xeral de Pesca, en Madrid, para esixir solucións
Os barcos de baixura ameazan coa convocatoria dun paro indefinido
Este luns é outro día de mobilizacións para a frota de baixura mentres os seu representantes nas confrarías se reúnen en Madrid. A cita é na Secretaría Xeral de Pesca.
Esixen cambios na normativa europea de control das capturas. Primeiro, na obriga de avisar catro horas antes da entrada a porto.
"Un enganchón, a rotura dunha rede, un peixe que veña moi liado fai que atrases 5 ou 10 minutos e que teñas que mandar outro aviso doutras 4 horas e teñas que estar esperando antes de entrar no porto. E iso é inviable, ademais de ser un risco para a embarcación", explica Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.
Outra medida que rexeitan é a de anotar con exactitude o peso de todas as capturas, nuns barcos pequenos que están en movemento. Fixeron a proba esta semana e tiveron moitos erros.
"Un peixe que pesou medio quilo a bordo, se en terra pesa 700 gramos, a sanción é de 3.000€. Esta semana, de 17 especies pesadas deron 11 mal, por 3.000€ cada especie, son 33.000€", aclara Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.
Consideran que está en risco o futuro do sector.
"Cremos que temos que ter unhas condicións óptimas para traballar, xa que o sector marítimo é o motor principal de Galicia, e temos moitos problemas na facilidade de traer o peixe a terra", di Isaac Gaciño, Patrón Maior de Portosín.
E ameazan con que o paro sexa indefinido desde o martes.
"É unha norma imposible de cumprir. E se o luns, que temos a reunión na Secretaría Xeral de Pesca as 4 da tarde, non temos unha solución, o martes non poderemos saír ao mar porque sairiamos a pescar sancións e non a pescar peixes que é o noso cometido", asegura Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.