Para casar, A Estrada
Unha parella italiana elixiu a casa do concello para dar o "Si, quero"
O ano pasado, 31 parellas casaron no consistorio estradense
Que os estradenses elixan a súa casa consistorial para dar o "Si, quero" a ninguén lle chama a atención. Que sexa o lugar escollido por uns italianos que residen en Bari, cando menos resulta rechamante.
"Cando alguén vén de fóra casar ao concello, por algo é", apunta unha veciña.
Pois, segundo contaron, porque estaban facendo turismo e quedaron fascinados co edificio.
"Hai moi pouquiños días pois tivemos un enlace matrimonial dunha parella italiana, do municipio de Bari, e escolleron o noso concello porque lles gustaba este edificio", explica Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada.
Pero que ten de especial esta Casa do Concello construída en estilo modernista no ano 1912?
"Que se ven poucas así bonitas".
"É un edificio con moito estilo".
"Para min, é extraordinaria".
"Vexo que lle están sacando fotos e póñense diante do Concello para sacar fotos", opinan os estradenses.
O ano pasado, máis de trinta parellas casaron entre estas 4 paredes. No que vai de ano xa van case unha vintena.
"E os que quedan de aquí a final de ano, porque ademais non é algo estacional, é algo que se vai repartindo durante todo o ano e sobre as fins de semana, pois este edificio é o epicentro das vodas do noso concello, dos estradenses e doutra xente que vén casar aquí", continúa o alcalde.
"Se me volvera casar, si, tamén o faría".
"De pensalo, si, faríao aquí, si".
"Aiii, si!, con esta praza que ten, ata o faría eu".
"Non é o mesmo as fotos aquí, que quedarían unhas fotos superchulas, que alí na porta do xulgado".
"Aquí no meu Concello, vamos, a min sería o sitio que máis me gustaría para facer un casamento", conclúen varios veciños da Estrada.