Ouro mundial para o K4 500 cos galegos Arévalo e Germade
O K2 feminino con Teresa Portela e Sara Ouzande gaña a prata e no K4 quedaron no cuarto posto a tres milésimas do bronce
En paracanoe Adrián Mosquera tamén rozou a medalla de bronce

O K4 500 masculino cos galegos Carlos Arévalo e Rodrigo Germade acadou o ouro no Mundial do Canadá. Na proba raíña o cuarteto español, completado por Craviotto e Cooper, foi o mellor desde o comezo. Agardábase un duelo con Alemaña pero apareceron tanto os polacos como os ucraínos para complicarlle a vitoria a España. Nos últimos 200 metros tiveron folgos para dar o último golpe de ril e acadar o triunfo.
Teresa Portela participou en dúas finais nesta xornada. No K2 200, formando parella coa asturiana Sara Ouzande, acadou a medalla de prata por tan só tres milésimas de segundo ao deixalo todo na chegada. No K4 500, categoría na que están Portela e Carolina García, rozaron o bronce e acabaron tres milésimas por detrás de México. Polonia gañou cunha gran superioridade e as favoritas, Australia, chegaron no segundo posto. España non tivo unha boa saída pero foi recuperando diante das sorprendentes mexicanas. Pero non foi dabondo para acadar o metal.
Tamén no cuarto posto rematou Adrián Mosquera en paracanoe. O do Barbanza acabou a medio segundo da medalla de bronce.