Ourense chega aos 30 graos de máxima nunha xornada propia do verán
Os termómetros descenderán este domingo de xeito moderado
Os bancos de néboa a primeira hora da mañá, tanto na costa coma no interior, daban unha imaxe errada do que acabou sendo a xornada. Foi en xeral un día de calor e ceos pouco anubrados, con temperaturas por riba dos 20 graos en moitos puntos de Galicia
“Viña abrigado, con camiseta interior e hai que sacar todo”·
As temperaturas máximas, máis propias do verán, rexistráronse na provincia de Ourense. Os 30 graos da Cidade das Burgas colleron por sorpresa moitos turistas.
“Viñemos con xersei e necesitamos manga curta”, asegura unha visitante.
"Viñemos pensando que ía facer un tempo máis primaveral e non tan de verán pola época na que estamos. Sorprendeunos un pouco”, comenta outro.
"Estamos visitando a Ribeira Sacra e estamos moi contentos por esta temperatura, porque en Vitoria tampouco temos moita calor", explica unha muller procedente de Euskadi.
"Nós vimos de Bilbao e por alí aínda estivo nevando hai pouco, así que temos ganas de bo tempo…", di outro.
As nubes baixas e as néboas coas que comezou o sábado repetiranse este domingo. No terzo norte serán persistentes, con posibilidade de orballos cara á noite. As temperaturas mínimas apenas terán cambios e as máximas sufrirán un descenso moderado.